Persoal das escolas infantís privadas volve tomar a rúa para demandar un "convenio digno"

As educadoras infantís volven manifestarse por un "convenio digno" e polo "desbloqueo das negociacións". CIG-Ensino sinala que levan dous anos coa negociación mais "non tiveron avances" e carga contra a actitude da patronal.

15-11-2023 Folga EDUACION-Infantil-24
photo_camera (Foto: Arxina)

Centos de profesionais das escolas infantís privadas e de xestión (de titularidade das Administracións mais en réxime de concesión a unha entidade privada) indirecta volvéronse a manifestarse esta cuarta feira en Compostela durante a cuarta xornada de folga para demandar un "convenio digno" e pedir o "desbloqueo das negociacións". As manifestantes marcharon desde a Alameda até a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), onde clamaron por "un convenio digno e un salario digno" nas escolas infantís privadas e de xestión indirecta.

En declaracións aos medios de comunicación antes do inicio da manifestación, a profesora de Ensino Infantil Ana Rodríguez sinalou que o motivo da manifestación é que "xa están fartas de esperar, de tentar que a patronal lles escoite, de que as ignoren e de que non se lle faga caso ás súas reivindicacións". O colectivo denunciou que "servizos mínimos son abusivos" e reivindicou que "son un servizo esencial".

Por este motivo, exixiu unha suba salarial e unha baixada das ratios nas aulas, así como ter unha consideración de ensino e "non unicamente como conciliación". En canto ao salario, Rodríguez detallou que hai diferentes táboas salariais dependendo de se as escolas son de xestión indirecta, directa ou privada. "Unhas non chegan ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e outras apenas o superan", lamentou a profesora infantil.

Outra das manifestantes, a técnica en Ensino Infantil Sonia Feal, incidiu que o que piden é un "convenio digno" xa que o actual é "moi precario" e tamén "horas non lectivas" porque, engadiu a profesional, o traballo de programación, memorias e preparación de actividades "teñen que facelo na súa casa". "A proposta que nos fai a patronal parece que só se centra nas educadoras e o convenio afecta máis persoal", lamentou a técnica en Ensino Infantil.

"Dous anos negociando"

O responsábel de Ensino privado da CIG-Ensino, Enrique García, remarcou que queren "desbloquear as negociacións" do convenio en Madrid e que xa levan "dous anos negociando" mais "non tiveron avances". García cargou contra a patronal por "non facer propostas" de melloras e ter unha actitude de "inmobilismo total" e mesmo de "involucionismo". "Están facendo propostas regresivas onde dan salarios mais recortan outros dereitos", lamentou o responsábel da CIG-Ensino.

En case dous anos realizáronse 11 mesas de negociación por un convenio que na Galiza afecta a máis de 2.000 persoas e unhas 200 escolas, detallou o sindicalista. O seguimento das xornadas de folga "supera 80%" e o persoal que pode acudir á manifestación "está limitado por uns servizos mínimos abusivos", sentenciou García.

Desde CCOO, cuxa secretaria xeral na Galiza, Amelia Pérez, participou na manifestación, sinalaron que "as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que lles permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos". Pola súa parte, UXT censurou que a patronal teña realizado "unha proposta insuficiente tanto no relativo ás táboas salariais das escolas infantís de titularidade privada como ás das de xestión indirecta".

Ademais, o Sindicato Nacional do Ensino Privado da Galiza (SNEP) cargou contra a Xunta da Galiza e a Consellaría de Política Social. "Tampouco a Xunta pode parar ás traballadoras. A conselleira [Fabiola García] retratouse como patronal e debería dimitir", afirmou SNEP.

Comentarios