O Real Decreto-Lei que reforma o subsidio por desemprego, que será de 570 euros nos seis primeiros meses, de 540 o seguinte semestre e de 480 euros no sucesivo, entrará en vigor o 1 de xuño de 2024, segundo a norma publicada esta cuarta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE).
A axuda será compatíbel cun emprego durante os 180 primeiros días e irá ligado á subscrición dun acordo de actividade cos servizos de emprego. Por outra parte, as persoas menores de 45 anos sen cargas familiares poderán ser beneficiarias.
Ademais, o decreto estabelece a unificación da duración deste subsidio no caso de ter responsabilidades familiares con independencia da idade. Tamén se poderán acoller ao subsidio de cotizacións insuficientes quen acredite períodos cotizados inferiores a seis meses e careza de responsabilidades familiares.
No que se refire ao subsidio para maiores de 52 anos, a contía mantense en 480 euros, mais o Goberno estatal compénsao ampliando a duración e coas cotizacións pola continxencia de xubilación das que carecen o resto de subsidios.
Reforma das sancións
O Executivo español incluíu no decreto modificacións nas sancións ás persoas perceptoras de prestacións e subsidios por paro e reforzou o control nos supostos de capitalización da prestación por desemprego, ademais de introducir facilidades para devolver as cantidades percibidas de forma indebida.
Así, a non comunicación de que xa non se reúnen os requisitos para cobrar a prestación ou o subsidio ou de calquera circunstancia que implique a percepción indebida, non será sancionada coa extinción da axuda, senón que será sancionada con tres meses de suspensión para a primeira infracción, seis meses para a segunda e coa extinción na terceira. Porén, a interrupción do acordo de actividade si suporá a interrupción da prestación ou subsidio.
Convenios autonómicos
O Executivo estatal tamén introduciu a prioridade aplicativa dos convenios autonómicos sobre os estatais e sectoriais que PSOE e PNV comprometeron no acordo da investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado español.
Fondos da Unión Europea
Ademais, o Executivo español solicitou esta cuarta feira formalmente á Unión Europea (UE) o cuarto pagamento dos fondos Next Generation por importe de 10.000 millóns de euros, tras cumprir coas reformas que eran requiridas pola UE unha aprobada a reforma dos subsidios por paro.