A CIG demanda políticas que poñan fin á "precariedade laboral"

Paulo Carril denuncia a "precariedade" xerada en base á reforma laboral
Manifestación da CIG, esta cuarta feira, en Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera Manifestación da CIG, esta cuarta feira, en Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

Centos de delegados e delegadas da CIG realizaron concentracións esta cuarta feira en varios municipios galegos para solicitar ás Administracións públicas que poñan fin á "precariedade" do emprego e á "pobreza laboral"

En concreto, o sindicato levou a cabo concentracións nas sete grandes cidades galegas, así como en Viveiro (A Mariña) e en Vilagarcía de Arousa (O Salnés). Neste último caso, así como no de Vigo, a protesta realizouse en forma de manifestación.

Precisamente á cidade olívica acudiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que estivo acompañado por perto de 200 persoas que se manifestaron desde o Concello de Vigo até a Delegación da Xunta da Galiza.

Precedidas por unha pancarta que sinalaba "Stop Precariedade. Traballo digno. Por un marco galego de relacións laborais", as delegadas e os delegados da CIG demandaron a derrogación da reforma laboral para tratar de acabar coa "precariedade" do emprego na Galiza e no Estado.

Ante os medios de comunicación, Carril explicou que esta cuarta feira desenvolvéronse por toda a Galiza asembleas da CIG para pór en común a situación actual de cara ao 1 de maio, o Día Internacional dos Traballadores e das Traballadoras, todo iso dentro da campaña da central sindical nacionalista contra a precariedade no traballo.

Para el, a última reforma laboral "estendeu" a pobreza, cun incremento "exaxerado" da contratación a tempo parcial e de fixos descontinuos, avanzando "enormemente" a precariedade. "Hai que ter en conta que máis de 50% das familias están na pobreza e que 26,5% das persoas traballadoras están na pobreza ou en risco da pobreza", dixo.  

"Todo como consecuencia, como digo, da reforma laboral que nace de manter vixente a reforma laboral de 2012, aínda que se lle suma a carestía de vida que vivimos neste momento", lamentou o secretario xeral. Carril criticou que o acceso do Estado español aos fondos europeos supoña "recortes" no sistema público de pensións e tamén tivo palabras para o novo Goberno da Xunta da Galiza.

"Desde un primeiro momento xa advertimos da necesidade de ter a loita e a mobilización como resposta para impedir que esta maioría absoluta se converta nunha apisoadora de máis políticas de imposición, antisociais, de recortes de servizos públicos, antigalegas e que non dean solución a unha dignificación das condicións de vida dos galegos e das galegas", engadiu Paulo Carril.

Aumento da sinistralidade laboral nos últimos meses

Preguntado sobre que está a ocorrer para que nos últimos meses nos que se rexistraron tantos falecementos de traballadores e traballadoras na Galiza, Carril dixo que isto é a demostración de que as políticas laborais "están a fallar" á hora de "crear dereitos". Ademais, apuntou ao "relaxamento" por parte do Executivo galego, que causa "impunidade empresarial" para impor condicións que acaban en "desgrazas fatais".

Comentarios