A CIG mobilizarase o 29 de marzo contra a nova reforma das pensións

Paulo Carril afirma que a nova reforma das pensións consolida as medidas "máis graves" aprobadas por Rodríguez Zapatero e Mariano Raxoi.
Susana Méndez e Paulo Carril, esta segunda feira, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Susana Méndez e Paulo Carril, esta segunda feira, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria de Organización, Susana Méndez, manifestaron esta segunda feira o rexeitamento da central sindical á nova reforma das pensións do Goberno español. 

Así mesmo, Carril e Méndez anunciaron a convocatoria de mobilizacións para o vindeiro día 29 de marzo, data previsibelmente anterior á aprobación da medida no Congreso do Estado español. 

Unha reforma que "segue o camiño do desmantelamento do sistema público de pensións cara á súa privatización converténdoo nun sistema asistencial e de beneficencia", defenderon.

Carril denunciou “a falta de respecto absoluto” que supón ter acordado esta reforma entre o Ministerio, UXT e CCOO "sen pasar polos organismos de representación institucional do Estado dos que tamén fai parte a CIG, en igualdade de condicións a estes sindicatos". 

“Estamos diante dun acordo que significa un mans arriba, isto é un atraco”, asegurou. Aínda que “elimina algún aspecto lesivo” respecto do anunciado inicialmente, isto non evita que “siga sendo mala”, continuou o secretario xeral da CIG.

Carril subliñou que "os elementos fundamentais e máis graves mantéñense xa que se confirma o aumento do período de cálculo das pensións e consolídanse as reformas de 2011 de Rodríguez Zapatero (incluído o aumento da idade de xubilación aos 67 anos) e de 2013 de Mariano Raxoi".

O secretario xeral da CIG recalcou que "esta sería a terceira reforma das pensións do actual Goberno español, que en xullo de 2021 aprobou recuperar o Índice de Prezos de Consumo (IPC) para calcular o incremento anual das pensións, mais non co IPC real interanual acumulado, senón cun novo indicador chamado IPC medio, que non garante o poder adquisitivo das pensións".

"A seguinte foi en xullo de 2022, coa aprobación dos chamados Plans de emprego de pensións, que consisten na promoción, a través da negociación colectiva, de plans privados de pensións no ámbito de cada sector, xestionados por compañías financeiras ou aseguradoras", sinalou Carril.

Comentarios