FCC rexeita a prórroga da xestión da planta de reciclaxe de Lousame

O comité de empresa critica o "desleixo" por parte da mancomunidade.
O persoal da separación manual de residuos, como estas traballadoras de Lousame, encárgase da clasificación dos materiais (Foto: Nós Diario).
photo_camera O persoal da separación manual de residuos, como estas traballadoras de Lousame, encárgase da clasificación dos materiais. (Foto: Nós Diario).

O pasado sábado finalizou o período de concesión da xestión da planta de reciclaxe da Mancomunidade Serra do Barbanza, na localidade de Lousame (comarca de Noia), á empresa adxudicataria do servizo, FCC. Neste contexto, a entidade supramunicipal (composta polos Concellos de Carnota, Muros, Brión, Lousame, Porto do Son e Noia como membros de pleno dereito, e que tamén presta servizo a Ames, Rois e Pontecesures), ofreceu á empresa a posibilidade de prorrogar o contrato expirado por dous anos máis.

Segundo un documento remitido pola compañía ao organismo ao que puido acceder Nós Diario, FCC rexeitou a proposta. Porén, a empresa deberá seguir prestando o servizo mentres a mancomunidade non realice unha nova licitación.

Ademais, segundo advertiu a compañía, o vertedoiro da planta de reciclaxe "alcanzará a súa capacidade máxima en apenas un mes", imposibilitando o depósito da máis residuos nel. 

"A posíbel construción da ampliación do vertedoiro é materialmente imposíbel que teña lugar no prazo dun mes", engadiu a firma, polo que as partes deberán atopar unha solución para o envío dos refugallos.

Tanto a prórroga forzosa do servizo como o envío dos residuos a un vertedoiro externo (mentres non se constrúa un novo) suporán un aumento dos custos que terán que asumir os municipios pola xestión do lixo.

Críticas do comité de empresa

O comité de empresa, que representa máis de 150 traballadores e traballadoras, criticou esta segunda feira, tras reunirse para analizar a nova situación, o "desleixo" da mancomunidade, "que non comezou a redacción duns pregos nin buscou unha solución para o vertedoiro a pesar de que levamos catro anos advertíndoa".

Comentarios