Mantense a folga no transporte urbano de Vigo tras unha nova reunión sen acordo entre comité e empresa

"Parece obvio que se atopan cómodos cos servizos mínimos [...], coa metade de autobuses circulando e cheos, a súa rendibilidade aumenta", afirmaron desde o comité a respecto da empresa.
Manifestación do persoal de Vitrasa no mes de decembro (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Manifestación do persoal de Vitrasa no mes de decembro (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

O conflito na concesionaria do bus urbano de Vigo mantense tras unha nova reunión entre o comité e a dirección da empresa Vitrasa, que finalizou sen acordo para un novo convenio colectivo, segundo confirmaron ambas as partes.

Os sindicatos cualificaron como "decepcionante" o encontro mantido esta quinta feira entre ambas as partes e acusaron a empresa de “enrocarse” na mesma posición mantida até o de agora, exixindo o fin da folga indefinida (iniciada o pasado 25 de novembro) e negándose a negociar melloras, nin sequera "as que non supoñen desembolso económico", alegando que non ten diñeiro "e está á espera do reequilibrio económico" da concesión por parte do Concello.

"Inmobilismo"

"Isto demostra o inmobilismo e o talante pouco negociador da empresa", criticaron, e acusaron a Vitrasa de non preocuparse polo "pésimo servizo" que está a prestar á cidadanía. "Parece obvio que se atopan cómodos cos servizos mínimos [...], coa metade de autobuses circulando e cheos, a súa rendibilidade aumenta", afirmaron desde o comité.

Os sindicatos censuraron que Vitrasa se negue a negociar alegando problemas económicos, cando se acaba de coñecer a revisión de tarifas do servizo, que supón un incremento no prezo do billete ordinario e tamén dos billetes bonificados coa tarxeta PassVigo.

Finalmente, volveron lamentar o papel do alcalde, Abel Caballero, e do goberno local vigués, "pretendendo politizar un conflito laboral, mentindo á cidadanía coa única pretensión de desviar a atención das súas responsabilidades co servizo público de transporte".

Comentarios