As mulleres galegas cobran de media 4.238 euros menos que os homes ao ano

A CIG, UXT e CCOO urxen reparar as desigualdades nos traballos dos coidados
As sindicalistas Nicolasa Castro (CIG), Trinidad Campos (UXT) e Mamen Sabio (CCOO). (Foto: Nós Diario)
photo_camera As sindicalistas Nicolasa Castro (CIG), Trinidad Campos (UXT) e Mamen Sabio (CCOO). (Foto: Nós Diario)

No Día da Igualdade Salarial, que decorre esta cuarta feira, os sindicatos recordan a fenda nos soldos existente entre os homes e as mulleres. O último informe publicado pola CIG, con datos da Axencia Tributaria, amosa que a fenda era de 18,6% en 2021 na Galiza. Isto significa que as traballadoras galegas perciben case 4.238 euros menos ao ano que os seus compañeiros. Con todo, estes datos reducíronse 1,9 puntos porcentuais desde 2019. 

“Mentres non haxa políticas que realmente favorezan que as mulleres teñamos o mesmo acceso ao traballo e que poidamos conciliar a vida familiar coa laboral, a fenda salarial vai ser inevitábel”, explica a Nós Diario a responsábel da Secretaría das Mulleres na Executiva da CIG, Nicolasa Castro. Nesta liña, a secretaria de Igualdade de CCOO, Mamen Sabio, engade que “aínda temos que seguir moitos anos loitando contra esta situación”.

Sabio sostén que a fenda salarial está conformada por moitas outras fendas. “É unha conxugación de variábeis” que desembocan “nos salarios, no poder adquisitivo e no desenvolvemento da carreira profesionais das mulleres”. Así, o  tipo de contrato, a duración deste, o tipo de sector ou o tipo de ocupación que realizan as mulleres en comparación cos homes condicionan a existencia da fenda salarial entre xéneros. “A fenda de xénero do desemprego en 2022 foi de 2%, a da taxa de actividade de 8%, a da parcialidade dos contratos de 16,3%... é unha situación xeneralizada”, sostén Sabio, e sinala que “o salario medio anual dos homes é de 22.800 euros fronte aos 18.580 euros das mulleres”.

A secretaria de Igualdade de UXT na Galiza, Trinidad Campos, indica que as mulleres galegas ocupan o quinto posto pola cola do Estado español en canto a retribución. En relación aos homes, a fenda na Galiza por hora é de 9,28 puntos -13,78 euros fronte a 15,19-. Campos fai especial fincapé no tipo de contrato aos que acceden as mulleres. “Nós temos 20% menos de contratos indefinidos [que os homes]”, sostén. Ademais, engade que a fenda na xornada de tempo completo é de 11%, mentres que na de xornada parcial é de 16,5%. “Analicemos a variábel que analicemos, as mulleres sempre percibimos salarios inferiores aos dos homes”, sentenza.

Con todo, Campos mantén que 2019 foi o ano no que a fenda diminuíu en maior medida “grazas á suba do salario mínimo interprofesional (SMI). Isto é importante porque afecta sobre todo as mulleres, pois somos nós as que cobramos os salarios máis baixos”, explica Trinidad Campos. Neste sentido lembra que as galegas perciben agora como salario medio unha cantidade semellante á que percibían os homes en 2007 polo que “son máis de 11 anos de desigualdade”.

Os problemas dos coidados

Tradicionalmente as mulleres asumiron as responsabilidades familiares deixando de lado o aspecto laboral. “Os coidados son un traballo invisíbel que cómpre reivindicar, pois contan cunha fenda de 88.92%”, sostén Sabio. “Hai que desmontar o binomio muller-coidados e favorecer a corresponsabilidade para que non sexa unha sobrecarga para as mulleres”, argumenta. “Cómpre reducir as barreiras estruturais que nos lastran o acceso ao mercado laboral en igualdade de condicións”. Así o reivindica Castro, que incide na urxencia de revalorizar estes traballos.

As cargas familiares e os coidados provocan que moitas mulleres teñan que renunciar ao seu emprego sen estaren nin inscritas no paro. Isto incide directamente nas pensións. En 2021 as pensións contributivas dos homes eran de 1.089 euros, mentres que as das mulleres de 713 euros, segundo explica Sabio. “A fenda das pensións é moitísimo máis alta, de 35%”, advirte.

Ademais, a isto cómpre sumarlle as consecuencias derivadas da inflación que caracterizou o pasado ano e cuxas consecuencias segue a sufrir a poboación galega. “A perda de poder adquisitivo afecta máis as mulleres xa que os nosos salarios son máis reducidos”, indica Castro.

Neste sentido, Campos engade que a inflación sumada á desigual situación laboral das mulleres, “provoca casos de precariedade”, e sostén que “as mulleres son un dos grupos máis prexudicados por esta situación”. Así, argumenta que na Galiza 42,2% das mulleres asalariadas teñen os soldos menores ou iguais ao SMI, mentres que nesta posición “só se encontran 20% dos homes”. Porén “esta realidade invértese cando os salarios son máis altos”, conclúe.
 

Comentarios