As persoas xubiladas de Lugo e Ourense, as únicas do Estado que non chegan aos 1.000 euros de pensión

A pensión media por xubilación fica na Galiza case 200 euros por baixo da media estatal.
A pensión media das persoas galegas xubiladas é 15,39% inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)
photo_camera A pensión media das persoas galegas xubiladas é case 200 euros inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)

A pensión media na Galiza medra 5,58% no mes de novembro e fica en 934,60 euros, aínda moi por baixo da media estatal, que alcanzou os 1.094,02 euros, segundo informou esta sexta feira o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Por provincias, na Coruña a pensión media fíxase en 980,64 euros, con 302.430 persoas beneficiarias; en Pontevedra, 974,78 euros, con 245.949 beneficiarios; en Lugo, 840,61 euros, con 113.918, e en Ourense, 811,70 euros, con 106.612.

Así, o total de pensións no país situouse a 1 de novembro en 768.909, o que representa 7,7% do total. Delas, 482.926 persoas cobran unha pensión por xubilación, cunha media de 1.067,62 euros —a media estatal é de 1.258,84 euros; mentres que as pensións por viuvez alcanzan as 184.650 cunha media de 660,50 euros. Pola súa parte, 71.328 galegas e galegos perciben unha pensión por incapacidade permanente, que teñen unha contía media de 940,44 euros.

No caso da pensión media por xubilación, a Galiza alcanzou no mes de novembro os 1.067,62 euros, aínda que as e os pensionistas de Ourense e Lugo seguen sen chegar a 1.000 euros —únicos do Estado—, xa que quedan en 893,43 e 949,96 euros, respectivamente. Na Coruña, a media atópase nos 1.126,02 euros e, en Pontevedra, 1.123,68.

Datos estatais

No conxunto do Estado español, a Seguridade Social destinou neste mes de novembro 10.913 millóns de euros ao pago de pensións contributivas, un 6,1% máis que no mesmo mes de 2021. En termos homoxéneos, o aumento do gasto é de 4,5% interanual.

O departamento que dirixe José Luís Escrivá estima que o gasto en pensións situouse en 11,7% do PIB no undécimo mes do ano, porcentaxe inferior ao de 2020 (12,4% do PIB), ano condicionado polo impacto da pandemia sobre o PIB, e tamén máis baixo que o de 2021 (12,1% do PIB).

Xunto coa nómina deste mes, a Seguridade Social tamén abonará aos pensionistas a paga extraordinaria de novembro por un importe de 10.649 millóns de euros.

Comentarios