Oposicións

493 aspirantes para as 271 prazas de médico de familia de Primaria

126 prazas corresponden á quenda de acceso libre, 132 á de promoción interna e 13 á de discapacidade xeral..
Exames da OPE do Sergas en Silleda, este domingo. (Foto: Xunta)
photo_camera Exames da OPE do Sergas en Silleda, este domingo. (Foto: Xunta)

Das 606 persoas aspirantes ás probas selectivas para o acceso a 271 prazas de médico de familia de atención primaria, que decorren este domingo en Silleda (Deza), presentáronse un total de 493 opositores e opositoras, o que supón 81,35% de participación.

Tal e como trasladou a Consellaría de Sanidade, das 271 prazas que oferta o Sergas nesta especialidade, 126 prazas corresponden á quenda de acceso libre, 132 á quenda de promoción interna e 13 á de discapacidade xeral.

Entre as particularidades das probas, destaca a solicitude do dereito de lactación por parte de oito aspirantes, para as que o Sergas habilitou unha sala, no caso de ser necesaria a súa utilización durante o transcurso do exame.

Durante o desenvolvemento da probas, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Mar Pousa, subliñou que esta convocatoria se engade ao conxunto de medidas que a Xunta está a adoptar no ámbito das súas competencias para "tratar de paliar o déficit de médicos de familia".

Entre outras medidas, lembrou a cobertura de 332 prazas de difícil cobertura, os 71 contratos de traballo estábeis para o persoal residente en último ano de formación ou as 657 prazas MIR que Galiza inclúe na súa oferta de Formación Sanitaria Especializada 2024-25.

Por último, valorou o Plan de cobertura do verán posto en marcha polo Executivo galego para reforzar os centros de saúde no período estival, dotado cunha partida de 12,5 millóns de euros.

Comentarios