Os traballadores de Vitrasa rexeitan o preacordo alcanzado por empresa e comité

Mantense a folga indefinida iniciada o pasado 25 de novembro en demanda dun novo convenio con melloras salariais e sociais.
Un autobus urbano de Vigo na praza de América. (Foto: Vitrasa)
photo_camera Un autobus urbano de Vigo na praza de América. (Foto: Vitrasa)

Os traballadores de Vitrasa, concesionaria do servizo de bus urbano de Vigo, rexeitaron en asemblea o preacordo alcanzado entre o comité e a empresa nas últimas horas, polo que se mantén a folga indefinida iniciada o pasado 25 de novembro, en demanda dun novo convenio con melloras salariais e sociais.

Esta quinta feira, empresa e sindicatos selaron un preacordo, que debía ser ratificado polos traballadores, que contemplaba a suspensión da folga e das mobilizacións por tres semanas, a cambio da retirada de sancións impostas por Vitrasa a varios traballadores e representantes sindicais.

Ademais, a empresa ofreceu un incremento salarial de 2,5% para 2023 e os anos anteriores, como punto de partida para negociar, e quedaría tamén pendente de acordar o aumento de soldos a partir de 2023. Do mesmo modo, Vitrasa trasladou que permitiría o cambio de descansos e de quenda entre compañeiros -sempre que non se incumprise o descanso mínimo legal-, e un aumento no complemento de nocturnidade do persoal de taller, segundo informou o comité.

As partes acordaron tamén que as seguintes reunións decorresen con mediación do AGA, para o que era necesario manter a folga suspendida. O comité daba esas tres semanas á empresa para comprobar a súa boa disposición e que se producisen avances, coa advertencia de que, de non ser así, volvería ás mobilizacións.

Con todo, as asembleas -nas quendas de mañá e de tarde- convocadas esta sexta feira nas instalacións de Vitrasa en Vigo rexeitaron o preacordo, cun resultado total de 173 votos a favor de continuar coa folga, 33 en contra e 12 abstencións.

O comité de empresa comunicou que xa trasladou o resultado das asembleas a Vitrasa e que solicitou a convocatoria de novas reunións de negociación "que permitan desbloquear o conflito". Todo iso tras constatar que a resposta do persoal ás formulacións da concesionaria foi "clara e rotunda", que consideran a oferta "insuficiente" e que "os ánimos para continuar coas mobilizacións mantéñense firmes".

O órgano de representación dos traballadores informou do calendario de mobilizacións para a próxima semana, que comezarán cunha manifestación a vindeira segunda feira ás 8 horas, con saída desde o centro comercial A Laxe até Praza de América, pasando por Beiramar. Para a terza está convocada outra marcha, á mesma hora, desde praza de España, pasando por Gran Vía até praza de América.

Na cuarta feira, a manifestación sairá ás 7.30 horas desde a rotonda de Travesía de Vigo con Buenos Aires, por Sanjurjo Badía e até o cruzamento de Colón e Policarpo Sanz, e na quinta será de novo ás 8h desde Jenaro de la Fuente con Travesía, pasando por Urzáiz até o cruzamento de Colón e Policarpo Sanz. E para a sexta feira, como é habitual, os traballadores están chamados a participar nunha manifestación ás 19 horas, que sairá de praza de España e pasará por Gran Vía e Urzáiz, até o cruzamento de Colón e Policarpo Sanz.

Vitrasa critica e cuestiona a votación

Pola súa parte, Vitrasa emitiu un comunicado no que lamenta que non se ratificase o preacordo e no que acusa o comité de "irresponsabilidade", despois de asinar a proposta exposta esta quinta feira "sen pór ningunha condición" e de cambiar a súa posición nas asembleas desta sexta. Este exercicio de "irresponsabilidade", a xuízo da empresa, "desacredita" este órgano de representación para "seguir negociando".

Vitrasa insistiu en que fixo unha oferta "realizando un gran esforzo" a pesar da súa situación económica de "perdas" e cuestionou o modo en que se votou nas asembleas de hoxe. Criticou que o comité decidise unha consulta "a man alzada", e impedísese aos traballadores "exercer o seu dereito a voto secreto, de forma democrática e expresar, libremente e sen ningunha presión, a súa decisión".

Comentarios