Opinión

Concellos vs Altri

[Alberte Mera]

Do Deza ao Barbaza, pasando polas comarcas de Terra de Melide, Chantada ou Sarria. O Concello de Agolada sumouse onte con dúas mocións debatidas en pleno (do BNG e PAYJ) aos rexeitamentos municipais ao proxecto de Altri que busca construír unha macrocelulosa en Palas de Rei. Proxecto que defende e impulsa o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. Os plenos municipais de Taboada, Láncara, Rianxo, Sarria, Melide, Vila de Cruces e Arzúa opóñense a unha macrocelulosa que, recoñeceu onte Altri, consumirá 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto ao ano. Se a empresa, que nega que vaia ser unha macrocelulosa, comunica aos empresarios da madeira de Lugo tal nivel de consumo de eucalito, a saber cantos millóns de metros cúbicos serán finalmente. O resultado: monocultivo intensivo de eucalipto na Galiza, imposibilidade de artellar usos diversificados do monte galego e unha economía produtiva e de transformación. 

Tempos difíciles requiren de posicións clarificadas. En Melide responsábeis municipais do PSdeG reúnense hoxe para trazar unha estratexia fronte Altri e demandar ao partido que se implique. "Non teñen resposta da dirección", din. A defensa da terra moitas veces vén de abaixo, como están a amosar os concellos que toman posicións fronte a Altri. É o futuro o que está en xogo, a economía, a auga, o ar e o clima.

Comentarios