Opinión

Galiza, capital Abu Dhabi

[Alberte Mera]

Esta semana Nós Diario informaba en exclusiva da alarma na Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa sobre os estragos que a contaminación da celulosa que a Xunta e Altri impulsan en Palas de Rei traería sobre o territorio, o gando e a industria que transforma o leite nos nosos queixos insignia. Galiza, potencia que produce, elabora, transforma e xera riqueza ou Galiza-economía extractivista para surtir de recursos primarios as potencias estranxeiras? Galiza dona de seu e con economía punteira ou Galiza colonia? Esta preguntada formulada esta semana neste mesmo espazo editorial con motivo da industria do queixo volve hoxe formularse en base ás informacións dadas esta semana neste mesmo xornal sobre a negociación pola que un fondo de Emiratos Árabes Unidos quere facerse con Naturgy. A historia de Naturgy nace na Galiza, cando Pedro Barrié de la Maza espolia Electra Popular Coruñesa, de José Miñóns, fusilado polo franquismo por ser un demócrata, non como Barrié, adepto ao réxime, e cuxo éxito empresarial (o de Fenosa) non se explica sen os beneficios de Franco, que lle regalou os ríos galegos para facer cantos pantanos quixer. O franquismo favoreceu Fenosa e converteuna na dona dos ríos galegos enchendo Galiza de encoros. Logo foi Gas Natural Fenosa e agora chámase Naturgy, que explota 12 presas na Galiza  e 16 complexos eólicos. Os ríos galegos serán dos Emiratos?

Comentarios