Opinión

Somos xudeus sen sabelo

Eu son unha desas moitas persoas que non soportan xa mirar as imaxes de Gaza. Por primeira vez, a proba das atrocidades dunha ocupación militar non teñen que ser rebuscadas entre o testemuño dalgunha das vítimas ou na crónica dalgún xornalista valente. Probabelmente é a primeira vez que un agresor ofrece a través dos seus vídeos gravados o que noutros casos custaría anos demostrar.

Pero o vello problema da ocupación de Palestina por Israel pode motivar outro tipo de reflexións para nós. A cultura europea, ademais de obviamente cristiá, tamén ten moito de xudía, sobre todo desde o século XIX e moito máis desde o século XX. Abondaría con lembrar que de Marx a Einstein, pasando por Freud e Kafka, unha gran parte dos creadores que nos inflúen aínda hoxe en día formáronse en familias de cultura xudía, malia que eles persoalmente puidesen considerarse laicos ou ateos.

E isto queda lonxe de ser un simple feito biográfico ou unha anécdota, porque o xudaísmo distinguiuse sempre por un tratamento dos libros sagrados moi distinto do que fixeron os cristiáns co Novo Testamento ou os musulmáns co Corán. A cultura xudía impulsou historicamente non só a aprendizaxe senón tamén o debate da Torá e do Talmud. As ieshivas foron, desde antigo, escolas onde se practicaba o estudo e a análise dos textos, buscando a argumentación máis perfecta por parte dos alumnos. Nada ten de estraño que un dos mellores comentaristas da literatura contemporánea, George Steiner, pertencese tamén a esta cultura, aínda que, como outros moitos xudeus, non apoiase nunca o apartheid israelita.

Pódese dicir entón que, en boa medida, a cultura occidental, favorábel ao debate e á pluralidade de interpretacións, o que propicia tanto a democracia como a innovación científica, descende desta póla vilipendiada da nosa historia.

Distinta disto, pero relacionada, encóntrase a evidencia de que os actuais cidadáns de Israel son europeos por procedencia e cultura. Tanto ou máis europeos que os que vivimos no continente. Abondaría con ler ese gran libro, Unha historia de amor e escuridade de Amos Oz, para comprendelo na súa amplitude.

Os que matan en Gaza parécense a nós, visten coma nós, a salvo da indumentaria militar, e bailan a nosa música, o que debería causarnos un certo desacougo. Só queda facer a pregunta obvia: se son europeos, por que están alí? 

A resposta é simple: están alí porque os botamos, porque Europa persegue desde antigo os xudeus e porque, despois do Holocausto, aos gobernos occidentais veulles moi ben envialos a ese territorio que presenta dúas realidades ao mesmo tempo: un paraíso artificial, sufragado polos EEUU, e un portaavións militar que serve para controlar de preto os principais produtores de petróleo e unha cultura como a islámica que leva décadas impedida de avanzar.

Netanyahu é algo máis ou algo menos que un ditador. En realidade, non importa moito o extremista que sexa o seu goberno, porque o Estado de Israel é, en si mesmo, un exército por delegación.

Comentarios