Opinión

A lección de Lesly

A supervivencia de catro irmáns na selva amazónica colombiana é unha lección das comunidades indíxenas ao mundo occidentalizado e colonizador, acostumado as análises científico-racionais, despreciativas dos saberes comunitarios que Foucault di "sometidos". Nun tempo de globalizacións dende arriba, de poderes económicos neoliberais e capitalismo global, os coñecementos tradicionais deben ser retomados. Ás veces non teñen a ver con saber ler. É saber de vida. A loita pola supervivencia é contrahexemónica? Boaventura de Sousa Santos en De la mano de Alicia, fala das globalizacións dende arriba, a occidentalista, como "localismos globalizados", propios dos países centrais. Os países periféricos conforman os "globalismos localizados", e son enclaves da deforestación, uso turístico da cultura, da vida natural… Para el hai globalizacións dende abaixo construídas na interacción transacional de grupos sociais, nacións, rexións, comunidades indíxenas… que defenden a chamada "herdanza común da humanidade", a sostibilidade da vida, capa de ozono, Amazonía, Antártida… Aquí sitúase a defensa pola vida de Lesly e os seus irmáns. Unha meniña de 13 anos que os salvou coa súa valentía e saber aprendido dos avós da etnia uitoto da comunidade Araracuara.

Ensináronlles como vivir na selva Guaviare, a comer, a conseguir auga, cubrirse onde chove dezaseis horas no día, na que hai serpes, xaguares e plantas velenosas. Veñen dunha familia perseguida polos grupos armados disidentes. O pai, líder indíxena, fuxiu a Bogotá, alí ía reunir a familia co único medio de transporte da comunidade, unha avioneta vella. Morreu a nai, o tío e o condutor. As comunidades indíxenas colaboraron cos militares na "operación esperanza" de G. Petro. Os indíxenas da Amazonía aprenden "dende o ventre da nai a coñecer e relacionarse co medio natural de vida". A supervivencia de Lesly e irmáns proba o vitalismo do local, a necesidade dos diálogos transculturais coas ausencias culturais. As comunidades sabían que "a nai selva acolleunos e non os deixaba sos, porque hai que protexer os nenos indíxenas que son moi golpeados".

Lesly é unha mirada dende o outro lado do espello. É a mirada contrahexemónica.

Comentarios