Opinión

Lamento polo mar

Afirma Torcuato Teixeira que "moitos pensan que non estamos ante unha crise do sector pesqueiro senón fronte a un velorio". Sostén o avogado en dereito pesqueiro que hai que loitar. Estamos de acordo. Mais é obrigado sinalar o desleixo e falta de apoio que sofre o mar, por non dicir persecución. Desde Bruxelas recórtanse os caladoiros próximos ás costas galegas. Desde o Goberno de Madrid temos a defensa a calquera prezo da eólica mariña nas costas e ricos caladoiros. Deixan fóra da Rede Natura do litoral galego as zonas sinaladas polos Plans de Ordenación da Eólica Mariña (POEM) e non consideran a pesca sector prioritario. Desprotexidas, a Costa da Morte e A Guarda son para a eólica mariña. Desde a Xunta mostran a súa falta de atención e desleixo nun caso como o do Prestige ou agora o da 'Marea Branca'.

Menten, falsean a realidade e polemizan co Goberno central. Este avisou o 13 de decembro e o 14 o Concello de Ribeira comunicaba á Xunta a presenza dos pellets, convertidos un mes máis tarde sen intervención da Xunta nin do Goberno central nunha marea branca que contamina as nosas costas desde Vigo a Ribadeo, hoxe xa en Asturias. Onde estaba o presidente da Xunta, Rueda? De figurón en Madrid, presentándose como candidato da Xunta da Galiza. No Prestige, o PP, Cuíña e Fraga, estaban de cacería en Estremadura. Hoxe, na Corte, sen mirar pola nosa terra. Miran un mes máis tarde a marea de pellets. Necesitamos con urxencia un Goberno que coide a nosa terra e o noso mar, símbolo de identidade da Galiza e que nos relaciona co mundo.

Somos parte do mundo atlántico de Europa e do Atlántico das Américas. Onde moita da nosa xente e perseguidos políticos atoparon unha segunda casa. O mar é vida e morte. O mar proporciona riqueza. Somos unha potencia pesqueira no Estado, en Europa e no mundo. É un dos sectores primarios desenvolvidos, mar-industria.

Estamos en crise, até Arxentina expulsa os nosos barcos colaboradores coa súa pesca. Hoxe temos un novo reto: limpar as praias e rías dos pellets que segundo Rueda non son contaminantes. Son unha nova proba da desprotección das nosas costas e da irresponsabilidade dun Goberno, delegado do PP español e madrileño, alleo aos intereses da Galiza.

Comentarios