Opinión

A Intelixencia Artificial afecta as nosas vidas, pero non sabemos que é

Isto é o que di Senén Barro, especialista en Intelixencia Artificial. Tamén manifesta que, "pese a Intelixencia Artificial, a mellor educación seguirá estando en mans dos profesores".

Intelixencia Artificial: combinación de algoritmos plantexados co propósito de crear máquinas que presenten as mesmas capacidades que o ser humano. Ou sexa, "robots humanos pensantes". Isto xa está presente nas nosas vidas, no noso día a día e a todas horas.

A Intelixencia Artificial pode ter as súas vantaxes, como facilitarnos os traballos repetitivos, reducir os custes e adquirir, procesar e analizar datos rapidamente. Pero as desvantaxes tamén son moitas, pois afectan o mundo empresarial, a falta de creatividade, a creación de noticias falsas. Sabemos da foto de Rosalía feita ao parecer con Intelixencia Artificial, na que se mostra espida.

Esta Intelixencia tamén pode ser utilizada para fins policiais, creando problemas de diagnósticos erróneos, manipulación e vixilancia social, rastrexo de movementos dunha persoa, espionaxe e falta de privacidade dos datos obtidos, manipulacións políticas... Agora xa non é preciso o seguimento policial feito por un policía 'de paisano' polo metro de calquera das grandes cidades, Madrid, Barcelona, etc. Tan só levando un teléfono móbil no peto sábese en cada momento onde nos atopamos e o que falamos con cada quen.

O uso policial das novas tecnoloxías e da Intelixencia Artificial é moi perigoso, pódense crear noticias falsas, poñer na túa boca falsidades e incluso crearche un problema xudicial onde nada é certo. Os embustes de Villarejo poderían ser ridículos en comparanza co que se podería facer coa Intelixencia Artificial.

Esta nova técnica tamén ha de eliminar moitos postos de traballo, como sucedeu coa Revolución Industrial.

As novas xeracións van ter que vivir con esta nova técnica para o bo e para o malo. Se o futuro pasa polo emprego xeralizado da Intelixencia Artificial tería que estar o seu uso moi regulado para que esta non supuxera un alto risco para a sociedade e a humanidade difícil de controlar.

Comentarios