Antón Escuredo
06/xan./23 12:57
Casaio (Carballeda de Valdeorras) é un dos lugares nos que conflúen guerrilla, forzas franquistas, falanxistas, espías internacionais e aldeáns. A súa Cidade da Selva será o único lugar no que persiste unha fronte física de batalla até o ano 1946. O traballo arqueolóxico e investigador do colectivo Sputnik Labrego leva desde 2017 escribindo a historia deste enclave. Ese labor e o seu contexto, coas testemuñas aínda vivas dese período, poden verse nun documental dirixido por Miguel Riaño que comezou en setembro de 2022 a súa andaina polas salas do país e percorrerá, ademais, numerosos lugares do Estado español.