MÁIS

O Agrocuir, un lugar no que vivir

O Festival Agrocuir enche Monterroso ( A Ulloa) de reivindicación cargada de ledicia. (Foto: Ollada Producións)
O Festival Agrocuir aterra hoxe en Monterroso (A Ulloa) coa súa novena edición para reivindicar a diversidade sexual, a visibilidade do colectivo LGBT+, a vida no rural e a defensa dunha biodiversidade autóctona a través de diferentes actividades que ocuparán diversos espazos da vila até a madrugada de mañá.

Na década pasada, un grupos de amigas e amigos, sen ganas de seguir viaxando até as grandes cidades para festexar o Día do Orgullo LGBT+, decidiron facer a súa propia festa reivindicativa sen saír da súa comarca. Comezaron cunha pequena celebración nun bar de Palas de Rei (A Ulloa) e o ano seguinte mudáronse á granxa dunha das organizadoras. Así duraron unha serie de edicións, até que o espazo ficou pequeno e aventuráronse cun festival en Monterroso, tamén na Ulloa, que ocupase múltiples espazos da vila.

Grazas a iso, a edición de 2022 foi un éxito, pero as persoas da organización notaron certos problemas para xestionalo e que ademais podía chegar a afectar zonas naturais da contorna. Tras falalo con colectivos queer de todo o país, decidiuse facer do festival de 2023 un evento máis pequeno e sostíbel, idea que seguen a manter este ano. Reivindicación LGBT+ e aposta polo rural son os dous motores que moven ao Agrocuir, festival que comeza hoxe en Monterroso a súa novena edición.

Exemplo para a Galiza

Detrás desta iniciativa están unhas amizades de diversas procedencias, idades e sexualidades, que emprenderon este camiño sen experiencia na xestión festivaleira. Co paso dos anos, uníronse ás súas filas persoas que escolleron o rural para botar raíces. "Foi a partir dun amigo que formaba parte do colectivo orixinal do Agrocuir", relata a Nós Diario Isabella Kennedy, natal de Mallorca, como coñeceu a existencia do festival. "Xunto con outras amigas, comezamos vindo unha serie de días en verán, até que vimos que era un sitio no que poderíamos ter unha boa vida". 

Ela mesma encetou sendo voluntaria no festival e na actualidade forma parte da organización do Agrocuir. Nese punto, atopábase nunha etapa de querer formar unha familia homoparental e chantar raíces no rural. "Non existían tantas opcións de lugares cunha rede ampla tan importante e na que sentirse acollida con tanta facilidade. Ademais, tiñamos a posibilidade de traballar no rural, que non sempre é doado", relata Isabella Kennedy.

O Agrocuir atópase moi comprometido en temas de actualidade, como a construción dunha comunidade inclusiva, a equidade de xénero, rematar co despoboamento do rural, os dereitos do colectivo LGBT+ e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial da comarca da Ulloa.

É exemplo de que o rural non está morto e que unha vida nestes espazos é totalmente posíbel. A idea do festival é promover este estilo de vida e reivindicalo a través de diversas actividades, obradoiros, cine, música e actuacións variadas. 

Así e todo, un festival emerxente sempre soe ter algúns problemas. O do Agrocuir é o financiamento. Cando comezaron esta aventura, a organización decatouse de que o diñeiro que recibían por parte das institucións públicas, a Deputación de Lugo, a Xunta da Galiza e o Concello de Monterroso, non era suficiente para que as artistas e as persoas implicadas no festival recibiran un pago xusto polo seu labor.

Alana, VerterGZ e Nelu Vermouth, entre outros, actuarán en Monterroso para reivindicar os dereitos e a diversidade.

Nalgunha ocasión decidiron cobrar entrada, pero non cadraba coa súa idea dun festival aberto e accesíbel a todo o mundo. Nesta edición, o Agrocuir seguirá sendo de balde e as persoas que o desexen poderán facer a súa pequena achega a través da campaña de microfinanciamento do festival.

As persoas maiores e con diversidades funcionais contarán no Agrocuir con servizos de interpretación de lingua de signos, tarimas perto dos escenarios para as cadeiras de rodas, espazos tranquilos e "pases sen espera" para que as persoas sensíbeis aos espazos ateigados teñan preferencia nos postos e puntos de información. Desde a organización creáronse varias guías de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, hipersensibilidade sensorial ou discapacidade tanto auditiva como visual.

Cartaz sen exclusións 

O Agrocuir comeza hoxe ás 18 horas coa proxección do documental O Ulla si!, realizado pola Fundación Entretantos e a Plataforma Ulloa Viva para concienciar sobre a situación do río Ulla e a macrocelulosa de Altri. Será pola noite cando o festival viva a súa etapa máis musical, cos concertos do trio Alana, VerterGz e Nelu Vermouth, entre outros. 

Mañá, o Agrocuir tornará a un estilo propio das romarías. O souto de Caracacho será o escenario de diversos obradoiros de baile, sobre envellecemento e diversidade, imprenta, reciclaxe téxtil e serigrafía. Estes tres últimos servirán para crear conciencia sobre a situación ambiental da Ulloa. A xornada acompañarase con actuacións culturais, como o podcast en vivo das Bichas Non todo o mundo é bisexual (pero bueno nós si) e a presentación de Aturuxos de Liberdade: historia do movemento LGTB+ organizado na Galiza, escrito por Alexandre Garrido e Daniela Ferrández, e Abolição do genero para a sua expansão, obra de Ira Hybris.

Tamén decorrerán actividades como a actuación dun coro, cabaret e un bingo. A xornada de mañá rematará cos cantos da taberna polos bares de Monterroso e as actuacións dos DJ's Aboi 13 e Km0 até as 4.30 horas. 

Non á celulosa

"Unha das misión principais desta edición é sen dúbida dar voz ao problema existente coa macrocelulosa de Altri", declara Kennedy a Nós Diario. Do mesmo modo que a veciñanza da Ulloa, a organización do Agrocuir está implicada en crear conciencia sobre a loita.

Moitas das actuacións e diferentes aspectos do festival enfócanse nesta problemática. "Gran parte das persoas implicadas no Agrocuir vivimos no rural. Moitas das nosas compañeiras traballan no sector gandeiro ou son produtoras de cosmética natural e mel orgánica na Ulloa. Se a instalación de Altri na contorna fose unha realidade, este estilo de vida estragaríase", di Kennedy, reivindicando a loita pola Ulloa e polo Agrocuir. 

É un festival comprometido coa recuperación do medio rural e a conservación a niveis naturais e patrimoniais, ademais de ser unha fonte de ingresos para Monterroso. "Para moitas, o festival son as festas da vila e cada día son máis as testemuñas que nos chegan de membros pertencentes ao colectivo LGBT+ que atopan aquí un espazo de aceptación da diversidade no que é tranquilo vivir sen ser xulgado pola veciñanza".