Análise

Altri, unha grave ameaza para o balance hidrolóxico do río Ulla

Antonio Presas é xeógrafo e escritor.
Altri aspira a captar a diario auga do Ulla procedente do encoro de Portodemouros, visto na imaxe desde Santiso, Terra de Melide. (Foto: Elisardo J. M.)
photo_camera Altri aspira a captar a diario auga do Ulla procedente do encoro de Portodemouros, visto na imaxe desde Santiso, Terra de Melide. (Foto: Elisardo J. M.)

A nefasta pretensión de instalar unha planta altamente contaminante de fabricación de celulosa no concello de Palas de Rei (A Ulloa), dentro da conca alta do Ulla, algo insólito para unha localización industrial deste tipo, implica unha longa serie de repercusións ambientais, entre as que figuran, aínda que non se consideren no proxecto, o "balance hidrolóxico", un concepto importante dentro da dinámica dunha conca fluvial. 

As concas fluviais son unidades xeodinámicas inmersas dentro do "ciclo hidrolóxico", que reciben auga repartida de forma desigual dentro dos seus límites (divisorias hidrográficas) a través das precipitacións. Unha parte desa auga infíltrase para reabastecemento dos acuíferos, outra evapórase ou é consumida pola vexetación (evapotranspiración real das plantas) e, finalmente, outra discorre pola superficie do terreo e termina canalizada pola rede fluvial en dirección ao mar (nivel cero).

Estacións meteorolóxicas e de aforos

As estacións meteorolóxicas permiten medir a cantidade de auga que chega nun determinado momento ou anualmente a un punto concreto e, contando con varias estacións, ata se pode saber a cantidade total de auga caída dentro da conca. Unha parte desta auga segue o seu decurso polos ríos, nos que mediante estacións de aforos pode ser medida de forma moi aproximada.
Toda esta teoría pode aplicarse ao río Ulla, un río seriamente ameazado pola instalación dunha planta fabril, non só consumidora de auga, senón tamén contaminadora. Dous aspectos negativos que, sumados, provocan efectos negativos multiplicadores.
A conca superior do Ulla, na que se pretende instalar a celulosa, aforada en ponte Arcediago (Santiso, Terra de Melide) pola Confederación Hidrográfica (1972-2020) e por Augas de Galicia (2005-2024), abarca 515,72 km2, que representan 18,4% da superficie total da conca (2.803 km2) e, dentro dela, estiveron e están instaladas varias estacións meteorolóxicas (Melide, Antas de Ulla, Olveda e Serra da Vacaloura).

A conca superior do Ulla verase seriamente agravada

A utilización conxunta de datos pluviométricos e de caudal (aforos) só é posible coa estación meteorolóxica de Melide (Meteo-
galicia 2004-2023) e a estación de aforos de ponte Arcediago de Augas Galicia (2008-2023). O emprego de datos da Confederación Hidrográfica (1971-2020) relacionados coas precipitacións da estación meteorolóxica de Antas de Ulla (1976-1997) non resulta concordante, porque as precipitacións recollidas daquela son bastante defectuosas e incompletas.

Coeficiente de drenaxe, un valor empírico

Considerando as precipitacións rexistradas na estación meteorolóxica de Melide como un valor medio da cantidade de auga que entra na conca superior do Ulla (input) e relacionando este valor en forma de "recepción pluviométrica anual", medida en hectómetros cúbicos (hm3), coa cantidade de auga que sae, "aportación hidráulica" (output) na estación de aforos de ponte Arcediago, obtemos unha correlación moi aceptable e o "coeficiente de desaugue" medio é 0,495.

Este valor indícanos que 50,5% da auga que recibe a conca alta no seu conxunto se consome para a súa autorregulación, é dicir, para mantemento do seu ecosistema (evaporación, avapotranspiración das plantas, consumo dos seres vivos que habitan nela). 

Este valor, de grande importancia empírica é obtido de forma complexa, pero avaliable, e concorda con outras referencias anteriormente analizadas por investigadores galegos como o científico Díaz Fierros (As Concas Fluviais de Galicia, 1993) e o profesor Río Barja (Os Ríos Galegos, 1992). No primeiro caso, para o Ulla superior, obtiveron un valor de precipitacións de 1.382 mm e un escoamento medio de 746 mm, polo que o "coeficiente de desaugue" (valor non calculado) sería de 0,54%, con datos do traballo de A. Carballeira (Bioclimatoloxía de Galicia, 1983), un valor netamente superior ao actual a causa das transformacións desenvolvidas na conca (polígonos industriais, deforestación, eucaliptización, concentracións parcelarias, etc.).

O estado actual da conca superior verase seriamente agravado pola instalación da celulosa, que vai consumir (transformación en vapor) uns 5,84 hm3 anuais de auga que haberá que subtraer do sistema fluvial, variando, en consecuencia, non só a cantidade de auga que sae (343,2 hm3) senón, tamén, variando o "coeficiente de desaugue", que será de 0,48.

Outro dos graves problemas, a maiores desta mingua na aportación do Ulla, será a contaminación que o emisario fabril verterá por riba do encoro de Portodemouros, uns 10,95 hm3 de augas industriais, anualmente, cunha carga final de sulfatos de 21.900 toneladas.
 

Comentarios