Alfaroleiros fai 30 anos ofrecendo a mellor artesanía

As tradicionais viradeiras na exposición dunha edición anterior da feira.
26 oleiros de diversas zonas do Estado exhibirán os seus produtos no parque Luís Seoane entre os días 7 e 11 de agosto

Onte deu comezo Alfaroleiros, que chega este verán á súa 30ª edición en Oleiros como a feira "máis artesanal, identitaria e natural". Unha cita cultural de referencia que sitúa o parque Luís Seoane de Santa Cruz no máis alto nivel da olería tradicional da Península Ibérica.

A feira parte da convicción de que a olaría tradicional -unha tradición ancestral que se remonta ao neolítico e que, como actividade de artesanía, ten aínda moito arraigo na Galiza- é unha expresión da identidade cultural das sociedades, e a súa conservación, enriquecemento e diversidade fai unha parte esencial do patrimonio.

Como sempre, 26 oleiros de diversas zonas do Estado exhibirán os seus produtos no parque Luís Seoane entre os días 7 e 11 de agosto, convertendo Santa Cruz no epicentro festivo e cultural do Concello durante os primeiros días de agosto.

Paralelamente á feira, no mesmo parque Luís Seoane e na praza Esther Pita desenvolveranse diversas actividades lúdico-culturais para o goce da veciñanza e dos visitantes.

Así, están previstos concertos que seguirán ao que deu onte   o dúo Caamaño & Ameixeiras:  a sexta feira, ás 20 horas, está programado un concerto de música infantil, A música das buguinas, a cargo de Bellón Maceiras e Mamá Cabra, e, ás 22 horas, actuará Verónica Codesal. Monoulious DOP fará o propio o sábado á mesma hora.

Esta noite, ás 20 horas, o Mago Teto presentará o seu espectáculo Rock & Magic, no que combina música e maxia; e ás 22 horas, Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro ofrecerán a función de narrativa oral Sen Restricións.

Demostracións e obradoiros de olaría e de cociña, e xogos tradicionais completarán o programa, até que, o domingo, ás 19.30 horas, o Grupo de gaitas Santaia poña fin á feira cun pasarrúas pola vila.