O alumnado das escolas de arpa abrirá a 11ª edición do Noia Harp Fest

O alumnado será protagonista da primeira noite do Noia Harp Fest. (Foto: NHF)

A 11ª edición do evento musical conta no seu cartel con figuras como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk, mais tamén co alumnado das escolas de arpa da Galiza.

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest (NHF), celebrará a súa 11ª edición do 8 ao 10 de agosto. O evento que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa regresa a Noia para ofrecer tres xornadas ateigadas de talento, música e pluralidade estilística.

A interpretación a través da arpa será o fito que reúna bandas e solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, que mostrarán a súa notábel calidade artística en eidos como a música clásica, o folk ou o jazz.

O festival arrincará coa celebración do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa da Galiza, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación entre as persoas instrumentistas máis novas do país, e que nesta ocasión proceden da Etrad de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos).

Un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaiarán e compartirán os seus coñecementos desde primeira hora da mañá no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar o 8 de agosto, ás 13 horas, no mesmo Liceo e, como feche do recital, as e os estudantes interpretarán un tema en común.

Xa en horario de tarde, o alumnado galego de arpa poderá gozar dunha sesión de convivencia náutica pola Ría de Muros-Noia, tamén coñecida como Ría da Estrela, en colaboración coas asociacións Balandro Joaquín Vieta e Terra de Outes. A xornada inaugural fechará ás 20 horas cunha foliada de benvida na rúa do Curro. Participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu; e o baile final virá da man da banda do NHF.