J. B. Trend, o estudoso esquecido da música galega

O festival Músicas no Claustro, que comeza esta quinta feira, recupera un artigo esquecido do hispanista e musicólogo británico J. B. Trend para, a partir del, xerar un proxecto que dará lugar a novas músicas de Pedro Lamas e a un proxecto de investigación de Eva Moreda sobre a paisaxe sonora da Galiza.
Un debuxo de Trend realizado polo malagueño José Moreno Villa.
photo_camera Un debuxo de Trend realizado polo malagueño José Moreno Villa.

Fóra dos círculos académicos, a súa figura caeu no esquecemento, pero John Brande Trend foi, no seu momento, un hispanista reputado e con moi bos contactos dentro da cultura española da II República. Ademais de ser un musicólogo de prestixio que escribiu -entre outros moitos- os primeiros estudos sobre a obra de Manuel de Falla, colaborou -horrorizado polo asasinato do seu amigo Lorca en agosto de 1936- na evacuación de case catro mil nenos e nenas vascas a Inglaterra, en 1937, despois do desapiadado bombardeo de Gernika, non deixou de mostrar o seu apoio á República -converténdose no seu portavoz no Reino Unido- ao tempo que axudaba, dentro das súas modestas posibilidades, a intelectuais exiliados. É famosa a infortunada carta que enviou a Antonio Machado, ao saber do seu exilio a Colliure, en Francia, ofrecéndolle un traballo no departamento de español na Universidade de Cambridge: a carta chegou dous días despois do falecemento do poeta.

Moi unido á Residencia de Estudantes, Trend debeu ter contacto cos autores galegos que facían parte do grupo. Sabemos, por exemplo, que apoiou o nomeamento como lector na mesma universidade de Xesús Bal e Gay, pero a falta de estudos actuais sobre o seu traballo non permite aventurar moito máis.

Un artigo esquecido

Agora, o festival Música no Claustro, que decorre do 1 ao 7 de agosto en Tui, recupera un artigo de Trend -que pesar de ser un documento valiosísimo pasou desapercibido na Galiza para moitas xeracións- publicado en 1924 na revista Music & Letters da Universidade de Oxford, "The Music of Spanish Galicia", para programar un concerto do compositor, gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas, que -acompañado polo contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o zanfonista Germán Díaz- revisita e reinterpreta o artigo de J. B. Trend.

"Para min foi todo un descubrimento", declara Pedro Lamas a este xornal. "Non tiña coñecemento de que se fixera esa descrición histórica da música tradicional ao tempo que se falaba de cancioneiros medievais e facendo alusións ás cantigas de amigo de Martín Codax só tres anos despois de que se descubrise o pergameo Vindel", "pareceume moi fundado e, ademais, coa particularidade de que Trend fai referencia a algúns aspectos da música que a min me parecen moi destacados e que non adoitan poñerse de relevo, como as interaccións entre a música relixiosa e a música profana, entre a música culta e a popular. El cita melodías dun pasado profano que se retoman para eidos máis cultos e viceversa. Esa viaxe de ida e volta sempre me interesou moito".

O que fixo o músico, daquela, foi "concibir un discurso musical que vaia en liña co artigo, no que se fai un xogo de espellos entre músicas cultas e tradicionais sen que o público poida saber cales son unhas e cales outras. Paréceme interesante trasladar a idea de que moitas veces é o contexto o que diferencia o culto e o popular, que a música en si mesma non define esas categorías”.

Nese sentido, os instrumentos cos que conta Lamas continúan ese pensamento musical: a zanfona -que vai tocar Germán Díaz e que é un instrumento que formou parte de eidos cultos e que posteriormente tivo unha deriva popular, "até o punto de que lle debemos a súa recuperación a estudosos como Faustino Santalices", apunta Lamas. "É un vehículo de expresión da música galega que transitou por eses dous campos". O propio Lamas tocará a gaita para achegarse ao popular pero tamén o saxo para ir cara a outros discursos. E logo o baixo de Antonio Romero Cienfuegos está aí "para darlle amplitude tímbrica á proposta”, anota o músico, quen tamén anuncia algunha colaboración sorpresa para o concerto do 6 de agosto.

A viaxe pola Galiza

Efectivamente, o artigo de Trend é froito dunha viaxe de tres semanas pola Galiza na que o británico visitou, entre outras, Tui, Noia, Santiago, Pontevedra, Vigo e Lugo e na que tivo ocasión de encontrarse con figuras como, en Compostela, o organista e mestre de capela da catedral Santiago Tafall, que traballaba daquela coa música do Códice Calixtino e outros manuscritos medievais; ou, en Pontevedra, con Casto Sampedro, autor dun Cancionero Musical de Galicia, e con Perfecto Feijoo, que lle mostra a recollida realizada tanto de partituras como de gaitas.

"Existe unha carta inédita conservada no arquivo central do King's College que Trend escribiu ao musicólogo Edward J. Dent o 11 de outubro de 1922 desde o Gran Café Español de Lugo, desvela Samuel Diz, director de Música no Claustro, en conversa con Nós Diario. "E nela, Trend, ademais de compartir as súas experiencias neste traballo de campo do que nacería o artigo, transmite as súas sensacións da estancia en Tui, elaborando un paralelismo entre as arquivoltas da Catedral e a música de Scarlatti. Era a escusa perfecta para devolver a Tui a figura do estudoso británico".

O son da Galiza

Pero, ademais, e en paralelo a este concerto, Música no Claustro suma un acordo de intercambio académico coa Universidade de Glasgow no que a catedrática de musicoloxía -ademais de escritora- Eva Moreda realizará  unha residencia de investigación durante o festival dedicada á música e son na experiencia da Galiza nos viaxeiros británicos, tomando como epicentro a figura de John B. Trend.

Moreda responde a este xornal, desde Glasgow, por vía telefónica, para aclarar que "agora mesmo existen moitos traballos académicos sobre os fluxos de turismo en Europa, pero polo xeral esquecen a parte do son. Trend, como diríamos hoxe, era máis un viaxeiro que un turista, unha persoa que vén á Galiza cun obxectivo claro, que é recoller, como era moi común a principios do século XX, música popular. Pero a min ocorréuseme conectar esas dúas realidades: a dos viaxeiros e a dos turistas, aos que talvez lles interese menos esa parte da música do territorio ao que viaxan, pero que ao tempo teñen unha experiencia sonora que os inflúe dalgunha maneira".

A investigación de Moreda inscríbese nos estudos do que se chama paisaxe sonora histórica, que trata de reconstruír o contexto acústico dun determinado territorio nunha época concreta.

"Agora mesmo todos temos en conta que a relación coa música na época anterior aos rexistros sonoros era diferente, máis cotiá. Pero moitas veces esquécese que a música só era unha parte dos sons que escoitaban as persoas. E cada vez existen máis interese por eses outros sons que se podían oír no día a día, como por exemplo, as campás ou os animais", anota a musicóloga. "Porque todo iso inflúe na nosa subxectividade e tamén na actitude coa que escoitamos música".

A partir de aí, Moreda empezou a preguntarse sobre o tipo de paisaxe sonora que atopaban as persoas que chegaban á Galiza e canto difería da que deixaban atrás, nos seus lugares de orixe. "E o que tratarei de facer é rescatar esa parte auditiva. É un tema que me interesa desde hai anos pero que agora o convite de Músicas no Claustro me deu a oportunidade de abordar. Especialmente no ámbito da Galiza apenas hai estudos sobre esta parte da nosa historia. O século XIX, por exemplo, é unha época de grandes cambios, pero que na Galiza se deron dunha forma diferente á doutras partes de Europa, e sería moi interesante investigar sobre como foi cambiando a paisaxe acústica do país a través dos anos, como se desenvolven, por exemplo, os sons nas cidades que comezan a medrar nesa altura pola xeografía galega".

Moreda, por outra parte, concorda coa idea lanzada por Lamas sobre a relación entre o culto e o popular e, nese sentido, advirte que a mirada de Trend ofrece moitas pistas. "El está moi influenciado por esa idea da época, algo mitificadora, de que a música que se toca no rural conserva un maior grao de pureza. Pero ao tempo, ten outras formas de achegarse ao legado musical galego grazas á súa amizade con Bal e Gay. E o certo é que no mundo académico cada vez se cuestiona máis esa idea xerárquica que separa o culto do popular. As fronteiras foron moito máis flexíbeis ao longo da historia".

Un proxecto que se estende en múltiples ramificacións

O proxecto de Músicas no Claustro ten visos de continuidade. Por unha parte, Lamas confesa que "despois de ver como funciona esta música en directo, na catedral de Tui (O Baixo Miño), a intención é gravar un disco para que todo este traballo de meses non morra aí". Por outra, Eva Moreda tamén ten o proxecto de ampliar o seu estudo e ofrecer unha panorámica auditiva da Galiza do pasado moito máis ampla que a que presentará no festival.

"Esa é a intención", afirma Diz. "Que o festival, máis alá deses sete días de desfrute cos concertos, deixe un legado que una eses tres fíos: música, patrimonio e creación. Neste caso, o obxectivo era tomar a viaxe de Trend como pretexto para iniciar un traballo que emprendese varios camiños. Trend é unha figura apaixonante e dificilmente clasificábel e ese capítulo do seu paso pola Galiza parecíanos inspirador e novidoso. Pero esa é, en xeral, a filosofía do festival, tomar o patrimonio como inspiración para iniciar novos proxectos creativos e de investigación, e neste caso xuntáronse varios elementos que favoreceron o seu desenvolvemento".

Dous centenarios

O proxecto impulsado polo festival enmárcase nun duplo centenario. Por un lado, o da publicación do artigo de Trend; por outro, o do falecemento de Xohán Vicente Viqueira, que traduciu ao castelán o artigo, para a súa publicación en 1925, postumamente, na revista Alfar.

Mais os fíos iniciados polo festival non deixan de crear novas derivadas. "Existe outra tradución ao castelán, inédita, que custodia o Museo de Pontevedra. E non podemos aseguralo con certeza, mais todo indica que o autor é Bal e Gay", conclúe Diz.

Comentarios