Carabela, Gloria Pavía e Cintaadhesiva, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf" de música
O xurado salientou a escolla de tres propostas con protagonismo vocal feminino, “o que reflicte o rumbo actual da escena galega”.
O xurado do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, deu a coñecer na mañá desta quinta feira as tres bandas finalistas da 16ª edición do certame: Carabela, Gloria Pavía e CintaAdhesiva optan aos premios, cuxa orde se decidirá na gala que se celebrará o 19 de outubro.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, formado polo músico e xornalista Martiño Suárez; a cantante Faia Díaz; a xornalista musical Teresa Cuíñas; o músico, produtor e responsábel da plataforma de distribución A Regueifa, Noel Feáns, e o tamén xornalista musical Rodri Míguez. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.
O xurado salientou a escolla de tres propostas con protagonismo vocal feminino, "o que reflicte o rumbo da escena galega”.
O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf". No palmarés de gañadores do certame figuran bandas coma Caldo, Mounqup, Bala e Familia Caamagno, entre outras.
O xurado destacou de Carabela que é "esta banda noiesa, formada en 2021, dálle unha nova volta ao temón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.
De Gloria Pavía e Rafa Morales o xurado salientou a “utilización de elementos moi escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora”, na que tamén destacan o seu talento vocal.
Cinta adhesiva, formada pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, ofrece, segundo o xurado "unha proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras".