O festival Nigrán Blues estréase esta fin de semana na vila miñorana

Os portugueses de Budd PowerBlues estarán en Nigrán. (Foto mobydick record)

Bandas da Galiza, Arxentina, España e Portugal actuarán no evento do 17 de agosto.

O Concello de Nigrán (comarca de Vigo) acolle o sábado, 17 de agosto, a partir das 19 horas no espazo polideportivo municipal Dunas de Gaifar (Panxón) a primeira edición do Nigrán Blues.

O festival estrearase co guitarrista Javier Vargas á fronte do Vargas Blues Band. Javier Vargas, que conta 27 discos publicados desde 1991, infinidade de xiras internacionais e colaboracións con artistas como Chris Rea, Junior Wells, ou Jack Bruce, presenta este ano un novo disco con xira internacional por Europa e América.

De Braga (Portugal) chega Budda Power Blues, uun potente quinteto de Power Blues, quen se atopa de xira de festexos do seu 20 aniversario. Con 12 discos editados e organizadores do Festival de Blues de Braga, a banda portuguesa consolídase entre as mais importantes do xénero no seu país..

Habitual na Galiza desde hai máis de 15 anos, Claudio Gabis  repasará pezas clave dos seus 55 anos de carreira, na elite de guitarristas hispanos, xunto coa banda viguesa Red Duck Blues.

Finalmente, The Stukcyes May Q's Band, achegará a cota nativa do festival. Trátase de profesionais que levan toda unha vida participando en grupos de jams e blues pola Galiza cun repertorio eléctrico, contundente e tamén con acento galego.