O FIOT examina cuestións contemporáneas desde o alfabeto dos clásicos

Presentación da FIOT onte en Carballo. (Foto: FIOT)
Baixo o lema "Agora é sempre", a 33ª edición do FIOT achega ao público textos de grandes clásicos vistos desde un prisma contemporáneo, para falar de preocupacións contemporáneas: da memoria individual e colectiva, da identidade persoal e social, ou dos límites entre realidade e ficción. 

Agora é sempre. Arredor deste lema,  que reproduce a idea nietzscheana do eterno retorno, xira o programa do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro que se vai desenvolver en Carballo desde o 26 de setembro até o 31 de outubro. A 33ª edición do festival presenta varios espectáculos que remiten a Homero, a Eurípides, a Shakespeare ou a Chekhov, propondo lecturas que actualizan uns conflitos que -baixo outras circunstancias- xa se repetiron unha e outra vez ao longo da historia.

Trinta e seis espectáculos procedentes de 3 países -entre os cales oito son estreas absolutas, seis na Galiza e un no Estado- conforman a grella dun encontro que se presentou onte no Pazo da Cultura de Carballo. Durante o acto, o director do festival, Alberto Sueiro, fixo alusión a esa recorrencia dos dilemas aos que nos enfrontamos os seres humanos: "Pode que cambien os contextos, pero os temas que nos preocupan hoxe son os que o foron sempre, porque estes falan da humanidade. Así, neste FIOT, poñendo en valor os clásicos, obras inesgotábeis que permiten infinitas lecturas, seleccionamos propostas que se fixan en grandes autores de sempre que hoxe nos seguen interpelando", afirmou.

Clasicos no presente

O FIOT 2024 comezará na fin de semana do 26 de setembro con varias actuacións de Rúa dos Contos, a sección dedicada á narración oral, que este ano terá como protagonistas nomes tan coñecidos como os de, entre outros, Walter Velázquez, Federico Pérez, Evaristo Calvo, ou Cándido Pazó.

O teatro de sala comezará o sábado 5 de outubro, coa obra Mulleres que viven soas #MQVS, de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática, que acudirá á cita de Carballo coa súa compañía, Berrobambán.

 Nas funcións de sala seguirá, o día 11, unha peza doutro Premio Nacional de Literatura Dramática, Alberto Conejero, dirixida por Xavier Albertí, En mitad de tanto fuego, que xa se puido ver na MIT Ribadavia. E o día 12 será a quenda de Iribarne, de Esther Carrodeguas, posta en escena por ButacaZero, un ensaio biográfico sobre Manuel Fraga, en clave de comedia, que se fixo co Premio do Público na MIT.

Os arxentinos da Compañía Criolla levan a Carballo, o día  19, El brote, un espectáculo  que retrata as obsesións e neuroses contemporáneas e que se transformou nun verdadeiro fenómeno na escena de Bos Aires. O seu director, Emiliano Dionisi semella continuar o exitoso vieiro do seu compatriota Daniel Veronese, responsábel da dirección de Los amigos de ellos dos, que se programa ao día seguinte.

O sábado 26 poderase ver no Pazo da Cultura Casting Lear, unha revisión do clásico de Shakespeare a cargo de Andrea Jimenez, que transforma a peza nunha reflexión sobre as relacións paterno-filiais.

O teatro de sala remata con outras dúas revisións de clasicos: o día 27, a compañía andaluza Las niñas de Cádiz preentan Las bingueras de Eurípides, unha versión un tanto "salvaxe" de As bacantes. E o sábado 31, Teatro Kamikaze revisa o Tio Vania de Chekhov, parte dun proxecto -Vania x Vania- no que os mesmos actores interpretan a obra en estilos diferentes. A de Carballo, a Versión 1, opta polo minimalismo, cun elenco encabezado por Javier Cámara. 

A estas, debemos sumar as cinco obras que compoñen este ano o menú do OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) que se ocupa de propostas innovadoras e de linguaxes alternativas.

Olvido Flores, da artista multidisciplinar Estefanía de Paz Asín, rescata, a través do teatro de obxectos, a historia do Circo Anastasini, que xiraba por Nafarroa en xullo de 1936. "Din que algúns foron fusilados e que o resto foi obrigado a entreter á tropa", conta a creadora. A obra chega ao FIOT da man de Camiño Escena Norte.

O día 13, os cataláns de Rauxa traen Teatro de Papel, un espectáculo de circo contemporáneo que reivindica o poder da imaxinación. O 17, o artista e investigador cubano José Ramón Hernández, presentará o proceso de creación da súa obra Eyilá ashé ebbora - archivo vivo de resistencia, froito dunha residencia artística realizada no mes de xullo no Pazo da Cultura de Carballo.

O 18 de outubro, será Paula Quintas a que leve ao Pazo da Cultura Multiperspectivas#3, a culminación dunha investigación na que a creadora, bailarina, coreógrafa e artista circense Paula Quintas experimenta cos límites das artes escénicas.

Finalmente, o domingo 25, a compañía de Castela-León lmealera presentará Una rueda que da vueltas, mestura de teatro documental co teatro de obxectos e materiais e narración oral, nun proxecto que busca "propiciar a participación e a transformación social mediante procesos artísticos con e desde as comunidades".

Outros escenarios

Pero ademais do escenario principal, o FIOT toma outros espazos que achegan a escena ao cotiá: o Certame de Microescenas M2 intérnase en novos formatos da man de compañías e artistas emerxentes. Sempre Ariiba, Carmen Domech, Vórtice Escénico, Aviva-lo, Vaiembora e a máis experimentada Artesa Cía. escollen escenarios alternativos como unha tenda de roupa, un posto do mercado municipal ou a Fonte da Cristina para representar pezas de pequeno formato que apelan á proximidade como argumento.

Igualmente, as rúas serán o marco onde desenvolverán os seus proxectos Pablísimo (con Coabicivai), as andaluzas de Proyecto Kavauri (con Lullaby), Pedras de Cartón (con outro clásico, Moby Dick), Cirkompacto (con Mal de Tolos). E Píscore e Sal do Teatro levan, respectivamente, Molto Barroco e Brokeback Sabucedo até as parroquias de Cances e Verdillo no Fiot en Ruta.

Mirada ao futuro

O FIOT non esgota aquí os seus recursos: tamén ten seccións dirixidas a infancia (Fiotiño) e a adolescencia (Fioteen, na que Talía Teatro falará de sexualidade en DeseXo), nun pouco habitual xesto de mirada cara ao futuro.

Mais a creación de novas audiencias tamén se declina en presente e para iso, o festival conta con actividades como coloquios coas creadoras, a Escola do espectador, exposicións, debates... que visan a formar o que talvez sexa elemento máis importante do teatro: o público.