O III Lucus Music Festival ofrecerá unha decena de actuacións en Lugo

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro (no centro), na presentación do festival

Entre o 19 e o 24 de agosto as rúas de Lugo acollerán ensaios abertos, recitais de novos talentos, concertos cunha gran variedade de estilos, ademais do III Campus-Concurso de Dirección.

O tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron esta sexta feira, 9 de agosto, acompañados de artistas participantes, a terceira edición do Lucus Music Fest, a proposta organizada pola asociación Músico Crisanto e que conta coa colaboración das áreas de Cultura do Concello e da Deputación. O festival encherá de música as rúas de Lugo entre o 19 e o 24 deste mes.

As actuacións decorrerán ás 20.30 horas e consistirán en "concertos introdutorios de músicas populares e tradicionais da Banda Sinfónica, recitais de novos talentos e concertos da Big Band, Oxygen Quartet, do Grupo de Cordas e Voces Solistas e do Coro Internacional A Piacere", explicou a concelleira.

Ferreiro puxo de manifesto que o festival incluirá o III Campus Concurso de Dirección, que permitirá "desenvolver as competencias do alumnado como directores e directoras de agrupacións musicais, mellorando as ferramentas xestuais e técnicas das participantes" e mellorando a relación orgánica entre a agrupación e a dirección. 

"Na categoría de canto, búscase transmitir a importancia do coñecemento propio para sacar o maior proveito á voz das persoas participantes", explicou Maite Ferreiro. Organizaranse clases individuais e personalizadas para desenvolver as calidades segundo as necesidades de cada unha das participantes, afondando na preparación de castings, concursos e audicións achegando coñecemento detallado sobre todos os protocolos a seguir, aclarou a edil de Cultura.

O público xeral poderá desfrutar das actividades abertas do III Campus do 21 ao 23 de agosto a partir das 12.30 horas cos ensaios das agrupacións na rúa Quiroga Ballesteros e na Capela da Soidade. O 24 de agosto celebrarase a final na Igrexa de San Pedro, que poñerá o punto final a esta terceira edición.