Maré suma ao seu cartel o regreso das ‘Ultranoites’ de Chévere

As Ultranoites de Chévere volven a Compostela. (Foto: Maré)
O espectaculo 'Lá no Xepangara' lembrará a figura e a música de José Afonso

Maré, o festival de músicas e artes atlánticas, continúa a esmiuzar o cartel da quinta edición, que reunirá en Compostela entre o 25 e o 29 de setembro unha trintena de bandas procedentes de dez países distintos. Á listaxe de nomes anunciados, no que se inclúen referentes como Albert Plá & The Surprise Band, A Pedreira, Sumrrá & Niño de Elche ou Sés, súmanse agora dúas citas de excepción: Ultranoite na Maré, que significa o regreso a Compostela deste histórico formato do Grupo Chévere, e Lá no Xepangara, espectáculo ao redor de José Afonso.

Para afondar na filosofía que Maré desprega desde a súa posta en marcha, o concerto Lá no Xepangara mergullará o público nunha pluralidade de voces da lusofonía que se unen na lembranza de José Afonso no 50 aniversario do 25 de abril.

Lá na Xepangara trae a Selma Uamusse (Moçambique), Isabel Novela (Guiné Bissau), Edu Mundo (Portugal), Fred Martins (Brasil), Manuel de Oliveira (Portugal) na guitarra e na dirección artística; Dilson Pedro (Angola), na percusión; João Frade (Portugal), no acordeón, e Albano Fonseca (Portugal) no baixo.

Coa Ultranoite de Chévere, Maré dálle ao público a oportunidade de recuperar tras case unha década de ausencia en Compostela o histórico formato escénico, vinculado estreitamente co espírito cultural da cidade. Ultranoite na Maré celebrarase na sexta feira 27 ás 21.30 horas na Sala Capitol e reunirá en escena o equipo habitual nos últimos anos deste espectáculo, que funciona desde o seu nacemento na desaparecida Sala Nasa como un viveiro para as artes vivas. Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Borja Fernández, Arantza Villar, Diego Anido e Xron, xunto aos músicos Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Carlos Freire, conformarán o elenco.