Entrevista | Mostra de Teatro de Cangas

María Armesto: "Todas as administracións deberan entender que un país que non promove a súa cultura é un país que non existe"

A directora da Mostra de Teatro de Cangas, María Armesto. (Foto: MITCFC)
O activo máis importante de calquera festival, máis aló dos espectáculos programados e dos cartos dispoñíbeis, é a xente que ten detrás traballando. No caso da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas o equipo humano está capitaneado por María Armesto, unha muller todoterreo vencellada a este festival desde o ano 1998. Dramaturga e directora de escena, foi unha das impulsoras das xornadas Mulleres en Acción, que o ano que vén celebran o 25 aniversario. Entrevistamos a María Armesto, directora artística da Mostra Internacional de Teatro de Cangas desde 2014, para analizar o que pasou na 41 edición que acaba de rematar, para falar de teatro, botar a vista atrás e ver para adiante.

—Póñalle un titular a esta 41ª Mostra.
Esgotadas todas as localidades!

—Como é o público deste festival?
Un público particularmente activo e participativo, aberto, curioso e respectuoso coas novas propostas escénicas. Un público que se puxo en pé para aplaudir espectáculos moi diferentes entre si. É dicir, un público cada vez máis diverso, xeracional, social e culturalmente. Na MITCFC convive o público máis popular co máis especializado, o máis clásico co máis contemporáneo, o local, provincial e de toda Galiza co estatal, o das vellas co das novas xeracións. Persoas que foron público hai 20, 30 ou 40 anos hoxe veñen á Mostra coas súas crianzas.

—Podemos dicir, logo, que esta Mostra une xeracións...
Ademais de crear xeracións de públicos, a MITCFC tivo unha enorme influencia nas carreiras artísticas de moitas persoas que hoxe son excelentes profesionais. Artistas que se formaron nos obradoiros e cos espectáculos que se programaron ao longo dos anos, profesionais da interpretación, da dirección, da dramaturxia, da escenografía, da danza,... que se achegaron ao teatro e ás súas disciplinas con esta Mostra. Creo que poderíamos falar dun par de ‘Xeracións Mostra’. En definitiva, o público está formado por cidadanía da vila, traballadoras/es de todos os sectores e do pequeno comercio, por alumnado, profesorado e profesionais das artes escénicas e audiovisuais. Por mestras e mestres de ensino medio e, tamén, por moitas mulleres.

—A mostra de teatro máis antiga de Galiza. Cales foron ou son os vosos referentes?
Cando a Asociación Cultural Xiria crea a Mostra en 1984 non había moitos referentes no estado español, xa que practicamente todos os festivais profesionais naceron a un tempo neses primeiros anos oitenta. O único referente indiscutible era o Festival de Avignon. Hoxe, ademais de Avignon, podemos citar como referente a Temporada Alta de Girona.

—O primeiro festival de Galiza e do Estado que apostou pola igualdade e a paridade. Como é programar con estas premisas?
Non é sinxelo, aínda que na actualidade é moito máis doado que hai unha ou dúas décadas. Naqueles primeiros anos apenas existían compañías de mulleres e resultaba moi difícil atopar espectáculos nos que figurasen directoras, escenógrafas, compositoras, iluminadoras, produtoras, técnicas, autoras ou mesmo espectáculos con perspectiva de xénero. As mulleres profesionais estaban agachadas detrás do nome das compañías nas que figuraban os nomes dos homes en todo o aparentemente importante (dramaturxia, dirección, iluminación, escenografía) e o das mulleres quedaba restrinxido ás intérpretes e, de cando en vez, a algunha directora. O papel de produción, vestiario e atrezzo, moitas veces levaba o nome da compañía, cando en realidade o fixera unha muller compoñente da mesma.

—Pero a cousa empezou a cambiar...
Hai uns anos, non moitos, a cousa, efectivamente, comeza mudar e, pouco a pouco, sen présa pero sen pausa, as profesionais do sector rompen co silencio e amosan os seus primeiros traballos, iniciando un camiño sen retorno que hoxe brilla por si mesmo. Certamente, non é cousa fácil engadir ao carácter cómico e festivo da Mostra unha programación paritaria… É evidente que programar comedia diversa e de calidade é máis laborioso que programar teatro en xeral. Esta complexidade agudízase cando se aplica a paridade.

—Que lle contan os artistas que veñen a Cangas a este festival por primeira vez?
Sorpréndense, sobre todo, da enorme cantidade de público, da súa participación e boa resposta a espectáculos moi diversos entre si. Sorpréndelles moito, tamén, a programación extra teatral tan completa, os premios que se entregan e os 24 anos de Mulleres en Acción.

—41 anos ininterrompidos traendo a Cangas unha mostra do mellor teatro cómico e festivo. Cambiaron moito as cousas nas artes escénicas nestas catro décadas?
Absolutamente. As mostras e festivais foron determinantes para a profesionalidade e desenvolvemento do noso tecido teatral. Nas últimas décadas do século XX vén a luz algúns dos grandes festivais europeos de teatro, pero non é ata ben entrados os anos 80 cando florece unha gran diversidade de festivais en Europa. E Galiza non permaneceu allea a esta realidade.  Nacen estes eventos caracterizados, non só, polo seu carácter festivo ou por ser a saudable expresión cultural dos pobos, senón porque supuxeron un avance para o teatro e a cultura do pasado século. As compañías do chamado Teatro Independente traballaron arreo nos lentos e penosos estertores do franquismo, profesionalizáronse e crearon o seu propio selo de identidade. Todas elas formaron parte dos programas desta Mostra. Hoxe a creación escénica é enorme e permítenos programar espectáculos de altísima calidade procedentes toda Europa, Bélxica, Portugal, Italia, Francia, Finlandia, Suíza, Galiza e de todas as autonomías.

—Un dos retos é captar ao público máis novo. Está sendo a progresión positiva?
Si. Hai xa tempo, observamos o envellecemento do público de teatro en toda Europa e decidimos prestarlle especial atención ao fenómeno e dedicarlle tempo a estudalo, entendelo e idear iniciativas que puidesen espertar nas novas xeracións o interese e amor por unha arte tan viva coma elas, o teatro. Cunha programación que contempla espectáculos e performances creadas por xente  nova, polas primeiras xeracións ‘non analóxicas’ para que sexan elas as protagonistas e leven ao teatro as súas teimas, formas de facer, de ver a realidade, con estéticas do século en curso, que falen do mundo que lles e nos toca vivir… O resultado é positivo e xa está á vista.

—Como programadora, como valora a calidade dos espectáculos que se presentan nos últimos anos?
Moi positivamente. A Mostra sempre programou moi bos espectáculos, algúns deles aínda permanecen na retina e memoria do público. Creo que, se nos últimos anos mellorou a calidade dos espectáculos programados, foi na medida en que aumentou a oferta teatral e, tamén, polo forte esforzo orzamentario realizado nestes anos. Certo que as distintas direccións da Mostra impulsaron á súa propia idea artística do evento, e no meu caso non ía ser diferente, pero sempre se apostou por un teatro profesional, robusto e de calidade.

—Hai diferenzas entre o que ocorre en Galiza, en España ou incluso no estranxeiro?
Diferenzas hainas e moitas, sobre todo se comparamos o modelo catalán co galego ou o europeo co español. Explícome. Todas as administracións públicas deberan entender dunha vez que un país que non promove a súa cultura é un país que non existe. Non podemos imaxinar a Francia sen a Comedie Francaise ou o Festival de Avignón, nin a Inglaterra sen a Royal Shakespeare, o National Theatre, Royal Courth ou sen a súa fabulosa produción audiovisual, nin a Estados Unidos sen Brodway ou a súa industria audiovisual. En Galiza, e tamén no estado español, falta unha política cultural de fondo, con orzamentos apropiados e deixar de repartir miseria. Un país sen unha cultura forte é un país enfermo, un país con alzheimer. O sector cultural en xeral necesita un apoio decidido da administración pública, gobernos autonómicos, centrais e municipais. Ademais, os Centros Dramáticos ou Teatros Nacionais deberan ser os buques insignia do teatro do país en canto a calidade e produción. Se queres un país forte e respectado, tés que fomentar a súa cultura, esa cultura que tan ben saben espallar polo mundo Inglaterra e América do Norte. E case é tan importante recibir a creación escénica feita noutros países como espallar a propia. E aproveito para reclamar que, dunha vez por todas, se remate de elaborar o tan necesario Estatuto das/os Artistas, porque urxe aplicalo.

—Premio Xiria a Chévere por ‘Helen Keller, a muller marabilla?’, unha obra diferente, en lingua de signos. É a inclusión unha materia pendente na cultura, en xeral, e nas artes escénicas, en particular?
Si, absolutamente pendente. Algo se está a mover pero, aínda, vivimos de costas a boa parte da sociedade, esa que ten algunha discapacidade funcional ou cognitiva. Discapacidade que, ao longo da vida, podemos adquirir calquera. As persoas oíntes ou con visión vivimos desconectadas das persoas non oíntes, cegas ou con xordo-cegueira, non asistimos ao teatro ou ao cine xuntas e descoñecemos unha realidade que mañá pode ser a nosa. E claro, no sector escénico e audiovisual acontece o mesmo. Celébranse espectáculos para persoas cegas ou xordo-cegas, sempre realizados por e para os seus propios colectivos. Os públicos non se xuntan aínda que todos paguen os seus impostos.

—Como sería a inclusión real?
Penso que a inclusión real consiste en que todas persoas, con ou sen discapacidade, sexamos un todo, unha mesma sociedade, un mesmo público e, por suposto, un mesmo colectivo artístico. Elas, o mesmo ca nós, teñen dereito a estudar cine ou teatro para subir aos escenarios ou poñerse diante ou detrás dunha cámara. Exemplo perfecto é o espectáculo de ‘‘Helen Keller, a muller marabilla?’, onde a convivencia está tanto no escenario como no patio de butacas. Ademais de gozar do excelente traballo da actriz Ángela Ibáñez no espectáculo de Chévere, ao longo da miña vida só puiden ver en escena a un actor profesional con cegueira, falo do ‘Incrible Orlando’, integrante da mítica compañía británica de Lindsay Kemp. Quedei abraiada co seu traballo en tres espectáculos, ´Flowers` de Jean Genet, ´Salomé` de Oscar Wilde e ´Soño dunha noite de verán` de Shakespeare, nas que a súa actuación era absolutamente brillante. Nunca esquecerei a súa atronadora voz nin a súa fabulosa expresividade.

—No audiovisual é distinto?
Hai tempo que nas series europeas e norteamericanas comezan aparecer personaxes  con diversidade funcional, maiormente de movemento limitado, pero son poucos os personaxes con cegueira ou xordas e, aínda menos, persoas cegas ou xordas que os interpretan, só unhas poucas conseguen chegar. Penso que en boa parte é un asunto sindical e de cotas. Os guións de audiovisual, ata non hai moito, non incluían personaxes con limitación de movemento ou en cadeira de rodas pero moito menos personaxes xordos ou cegos. E, ata hai relativamente pouco tempo, os actores e actrices negras ou asiáticas tampouco accedían a papeis de personaxes protagonistas. Aínda hoxe son escasos, sobre todo cando se trata de personaxes femininos. As mulleres sabemos moito da inclusión, do difícil que é ser aceptada e acadar postos de responsabilidade. Levamos séculos na loita polos dereitos humanos, laborais ou sexuais, porque se nos negou un papel protagonista na historia. E somos a metade da humanidade.

—O público volveu premiar un espectáculo clown como o mellor desta edición e non é a primeira vez que ocorre. Por que cres que gustan tanto estes proxectos?
Certo, pero a cousa está en empate. Desde 2011 que se outorga o Premio do Público, levaron o premio espectáculos de clown e teatro físico en sete ocasións e outras sete espectáculos de texto. Creo que contamos cun público particularmente cualificado que vota máis pola calidade que observa cada ano que polo seu gusto particular.

—Cando empezaredes a traballar na Mostra número 42?
Xa levamos tempo traballando na vindeira edición. De feito, xa comezamos conversas con artistas e produtoras desde o propio 2023.

—Mulleres en Acción celebrará 25 anos. Vai ser unha edición especial?
Efectivamente. 25 anos evidenciando a desigualdade entre creadoras e creadores das artes escénicas e programando en paridade teñen que celebrarse.

—Un reto para o ano que vén.
Un non, varios. Mellorar en todo, tanto na programación internacional como na coprodución de espectáculos. Nunha aposta maior pola comunicación cos novos públicos. Abondar na paridade e na colaboración cos colectivos LGBTIQ+ e, sobre todo, en seguir impulsando a inclusión no marco da MITCFC, tanto coa segunda edición das Xornadas de Inclusión e Teatro como na colaboración con entidades e asociacións que nos axuden a aprehender e organizar máis e mellor un teatro inclusivo, dentro e fóra do escenario.