Mostra de Teatro de Cangas

CRÍTICA | Mulleres nun castelo

A compañía Nao d'amores abriu a Mostra de Cangas deste ano cunha revisión dunha obra de Calderón de la Barca pouco coñecida e apenas representada.
El castillo de Lindabridis. (Foto: Sergio Parra)
photo_camera El castillo de Lindabridis. (Foto: Sergio Parra)

Pode ser un xogo de espellos: unha obra de Calderón de la Barca que, en pleno Barroco, remeda -e mesmo parodia- as novelas de cabalarías medievais, montada por unha compañía contemporánea especializada no teatro medieval. Hai unha xustificación historicista que acredita a montaxe de Ana Zamora como unha peza que segue os parámetros cos que a directora foi construíndo a súa traxectoria. Porén, El castillo de Lindabridis foxe da arqueoloxía para crear unha miniatura íntima e, se cadra, algo rebuldeira, que lle permite ironizar cos tópicos da comedia de capa e espada: amores inconstantes, xogos de máscaras, mulleres travestidas.

A princesa Lindabridis, para herdar o trono de Tartaria, debe casar cun cabaleiro que previamente venza ao seu irmán Meridian nun torneo. Decidida a atopar ese cabaleiro que lle permita reinar, Lindabridis percorre o mundo nun castelo voador na procura de marido. Velaí un argumento que permite enfrontar a peza coma se fose un videoxogo no que faunos e cabaleiros andantes protagonizan un enredo de amores e celos. 

Coma sempre, a posta en escena da directora está medida ao milímetro e, coma sempre, a música en directo constitúe un elemento indispensable que estrutura o avance dramático da trama, combinando pezas corais e instrumentais da época con composicións realizadas especificamente para a obra. Non obstante, nun escenario grande como o de Cangas, as transicións convértense en protagonistas de anticlimáticos esforzos dos actores concentrados en recolocar os elementos da escenografía.

A peza está coidadosamente adaptada para que unha case litúrxica posta en escena permita un recoñecemento máis intuitivo que narrativo, aínda que iso complica bastante o seguimento do fío argumental. Igualmente, esa ritualización da carpintaría teatral opera en contra dos elementos da cultura popular cos que está adobiada a peza, anulando a vivacidade e enerxía destas manifestacións festivas.

En realidade, a modernidade da obra vén fornecida polo achegamento que Zamora fai ás personaxes femininas: mulleres que constrúen o seu propio futuro nun mundo masculino, ocupándoo e subverténdoo. O verdadeiro argumento reside nesa viaxe que tanto Lindabridis como Claridiana emprenden non tanto en busca de marido, como dunha identidade que lles permita recoñecerse nese territorio de cabaleiros encerrados en códigos alleos. Malia a obrigatoria convención do final con matrimonio, é por ese lado por onde a montaxe atopa o encontro co noso tempo. 

El castillo de Lindabridis. Compañía: Nao d'amores. Dirección: Ana Zamora. Elenco: Miguel Ángel Amor, Mikel Arostegui, Alfonso Barreno, Alba Fresno, Inés González, Paula Iwasaki, Alejandro Pau, Isabel Zamora.

Máis en CULTURA
Comentarios