Mostra de Teatro de Cangas

Tanta comicidade como desacougo

Os manipuladores tamén teñen un papel en 'El Verdugo' (Foto: José Luis Gutierrez).
photo_camera Os manipuladores tamén teñen un papel en 'El Verdugo' (Foto: José Luis Gutierrez).

O tándem Luis García Berlanga e Rafael Azcona tivo que fiar fino para burlar a censura da ditadura franquista, mais o seu pulcro urdido deu como resultado verdadeiras parodias do réxime encubertas nunha armazón de comedia algo disparatada. El verdugo foi gabada como unha audaz alegación contra a pena de morte. Mais hoxe, case medio século despois da abolición do castigo capital, a versión teatral que dirixe Angel Calvente posúe unhas resonancias éticas cuxa vixencia permanece intacta. 

De cantos principios que considerabamos irrenunciábeis abdicamos para obter estabilidade económica e un certo status social? Cantas ocupacións -ou sectores económicos completos- implican danos irreversíbeis para a sociedade sen ser castigadas co estigma co que cargaban os verdugos? Facer unha versión con monicreques como a da compañía El Espejo Negro xa implica o recoñecemento de que hai alguén máis arriba que move os fíos das nosas vontades: non esquezamos que un boneco que finxe ser persoa zumega tanta comicidade como desacougo.

O director logra conservar inalterado o esqueleto do guión orixinal ao tempo que introduce pequenos cambios que actualizan o sentido que adquire cada un dos episodios: a súa Carmen, por exemplo, é bastante máis espelida que a que os tempos reflectidos permitirían, mais o seu obxectivo último segue sendo o matrimonio e a conseguinte submisión ao sacramento.   

En realidade, Calvente debuxa unha reprodución milimetricamente precisa e recoñecíbel dunha época, mais mantendo sempre un punto de estrañamento que avisa de que hai unha ficción irónica nesa representación, de que talvez estamos asistindo a un duplicado do noso tempo. De que os protagonistas poderiamos ser nós.

Os bonecos da compañía reflicten esa ferocidade do ambiente sen perder nunca o humor denegrido que acompaña a farsa: non se forzan os extremos nin se cae nunca no exceso porque a brutalidade da situación, aparentemente inocua, abonda para desvelar o drama que subxace a calquera rutina. 

El Espejo Negro provoca o clima, a atmosfera e a agonía precisa para que cada un dos efectos teatrais sexa portador dun novo matiz que lle engade capas de sentido á trama: desde a axustada dramaturxia musical -un completo mostrario de éxitos da canción lixeira da década de 1960- até o clarescuro dunha iluminación que preside a ambivalencia do relato. 

El verdugo apunta a un fondo de espello sobre o que raramente queremos deitar a mirada: un mundo gris no que as personaxes deambulan rendidas, esmagadas e subxugadas; reptan nun mar de augas corrompidas, tratando de pór a salvo o pouco que lles deixan posuír. O escenario ideal para a comedia.

Máis en Escena
Comentarios