A música contemporánea aterra na capital baixo o título de 'Caleidoscopio'

O Trío Arbós nunha actuación en Córdoba, Andalucía (Foto: Nós Diario).
Compostela recupera no mes de xuño "o seu compromiso coa vangarda".

Baixo o título ‘Caleidoscopio’, volven a Compostela as Xornadas de Música Contemporánea que, nesta edición, ofrecerán do 5 ao 20 de xuño sete concertos e un espectáculo de danza con música e directo.

O Auditorio da Galiza, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Teatro Principal servirán de escenario para un ciclo que, en palabras da concelleira de Cultura da capital, Míriam Louzao, "recupera o seu compromiso coa descuberta e a vangarda, co afán de abrir xanelas e oportunidades de escoita cara ás sonoridades anovadoras”. 

No ciclo poderase ver a Xoven Orquestra Nacional de España, que actuará en Compostela baixo a dirección de Pablo Rus Broseta, na compaña do Ensemble Modern, o Trío Arbós e o clarinetista Joan Enric Lluna

Nos cinco concertos que realizará, este conxunto interpretará 22 obras, entre as que se contan seis estreas absolutas: dúas delas creadas polas compositoras María José Arenas e María de Alvear e outras catro especialmente encargadas para este proxecto.

Ensemble Liberdade

As Xornadas contarán, ademais,  coas actuacións do Ensemble Liberdade dirixido por Xacobe Martínez Antelo, a compañía de danza lookathingsdifferent coa colaboración do compositor e pianista compostelán Nico Casal

Por último, a Banda de Música de Santiago de Compostela (BMSC), dirixida por David Fiuza, traerá tres estreas absolutas compostas por Xosé Carlos Seráns Olveira, Federico Mosquera e Fernando Ruibal, e unha obra de Juan Fernández Guzmán. Ademais, para a ocasión, a BMSC contará coa actuación doutros dous solistas galegos: o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o saxofonista Rafa Yebra