teatro

A 11ª edición de Galicia Escena Pro presenta 20 espectáculos en Santiago

Ofrece 20 espectáculos de diferentes disciplinas e formatos, tanto de compañías de ampla traxectoria como de novos nomes que se están a consolidar no actual panorama escénico galego.
Kyoki, de Elefante Elegante (Foto: Vanessa Rábade)
photo_camera Kyoki, de Elefante Elegante. (Foto: Vanessa Rábade)

Máis de 200 profesionais da produción, distribución e programación das artes escénicas daranse cita en Santiago de Compostela do 27 ao 30 de maio para participar na 11ª edición de Galicia Escena PRO que -organizada por Escena Galega e a Axencia Galega das Industrias Culturais- tenta favorecer a contratación de espectáculos galegos por parte de espazos culturais, circuítos e mostras de dentro e fóra do país.

O mercado ofrece 20 espectáculos de diferentes disciplinas e formatos, tanto de compañías de ampla traxectoria como de novos nomes que se están a consolidar no actual panorama escénico galego, así como presentacións pitching doutros 12 proxectos, dúas palestras sobre os principais retos no eido da programación cultural, e un concerto a cargo de Sabela.

 

Por orde cronolóxica, este ano actúan en Galicia Escena PRO Xarope Tulú con A teteira de Kabul, Os Náufragos Teatro con Noso e A Feroz con Frío o día 27; Paporrubio con E entón, un xardín, Elefante Elegante con Kyoki, Souvenir con Non é unha canción, SU.MA con Glamping, Antagonista Teatro con Insubmisa, e Paula Pier con Eu, Fraude! o día 28; Raquel Ferradás & Amarelo con Mesura, Tanit Cobas con The Exposure, Barafunda Teatro con A vida, un frenesí, Sarabela Teatro con O dragón de ouro, e Colectivo D’Elas con É difícil fotografar o baleiro o día 29; e Pérez&Fernández con Nanai da China, ButacaZero con O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Fran Sieira, Compañía de Danza con Ceibe e Elvi Balboa con Anöa o día 30. 

Polo que respecta aos proxectos que se avanzarán nas presentacións breves desta 11ª edición, o primeiro día de mercado será a quenda para #Influencers por NegroLópez, AI! Perfecto por Compañía Humana, Cortello de amor por AmorodioTeatro, Heroes en decembro por Ancoraxe e Vórtice Escénico, Reconversión por Ibuprofeno Teatro, Un deus salvaxe por Talía Teatro e Vitória por Iria Pinheiro. Na quinta feira, a sesión de pitching correrá a cargo de Desfoga con As terras do mar, Söa con Collige virgo rosas, Furia Sotelo con Sobre o extravío ou a arte de perderse, Daniel Rodríguez con Traseúnte e Magia en la Manga con Triscos de maxia.

Ademais, terán lugar dúas mesas redondas: Os retos dunha programación cultural profesionalizada o día 28 e Inclusión e diversidade o día 29.

Máis en CULTURA
Comentarios