Músicas heréticas desde o fracaso tropical
Fracaso Tropical significou unha inflexión no traxecto dos Resentidos. O cuarto elepé da banda máis importante do rock galego introduciu influencias latinas, facilitou a irrupción do rap e despregou lírica brillante e crítica sobre migracións. Fai 30 anos da súa publicación. Eis un extracto da peza publicada no número 319 de Sermos Galiza.
“Era un momento complexo, si”, admite Reixa (Vigo, 1957), vocalista e escritor do grupo, a Sermos Galiza, “condesámonos en trío, con Alberto Torrado [baixo] e Xavier Debesa [guitarra], e viñemos gravar a Galiza por primeira vez”. Antes fixérano en Madrid. Agora, o estudio estaba a 500 metros do local de ensaio. “Tomámoslle a medida á nosa repercusión e traballamos de xeito case introspectivo”, engade. O resultado, nove cancións que ampliaban o seu campo de batalla a extensións case heréticas. Non por acaso Os Resentidos foron un proxecto post punk e no post punk todo estaba permitido.
“Tiñamos certa obsesión por asumir as músicas latinas”, lembra Reixa, “e comezabamos a albiscar a importancia do rap”. Con esa daquela inaudita maneira de recitar, Galicia Sitio Distinto (2ª parte) pechaba o elepé e axiña se erixiría nun dos seus himnos de combate: “así che nos vai a coruña lugo ourense e pontevedra / nambia palestina nicaragua e guatemala”. Polo medio, Songoro Cosongo en homenaxe a Nicolás Guillén ou ese sabrosón Tumbao.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 319 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]