Músicas heréticas desde o fracaso tropical

Fracaso Tropical significou unha inflexión no traxecto dos Resentidos. O cuarto elepé da banda máis importante do rock galego introduciu influencias latinas, facilitou a irrupción do rap e despregou lírica brillante e crítica sobre migracións. Fai 30 anos da súa publicación. Eis un extracto da peza publicada no número 319 de Sermos Galiza.

Os Resentidos en Jei
photo_camera Os Resentidos en Jei

2En 1987, Os Resentidos atravesaban unha etapa complicada. O ano anterior excederan toda expectativa e mesmo rebentaran as pistas das salas de baile. Fixera un sol de carallo e a presión era elevada. Música doméstica, o seu terceiro disco, non cumpriu co que agardaban. Nin a nivel comercial nin, confesa Antón Reixa, a nivel artístico. A consigna foi a retirada. Aos cuarteis de inverno na Galiza. Un ano despois, e reducidos a trío, a banda fundamental do rock galego publicaba unha das súas obras máis frondosas: o inesgotábel Fracaso Tropical.

“Era un momento complexo, si”, admite Reixa (Vigo, 1957), vocalista e escritor do grupo, a Sermos Galiza, “condesámonos en trío, con Alberto Torrado [baixo] e Xavier Debesa [guitarra], e viñemos gravar a Galiza por primeira vez”. Antes fixérano en Madrid. Agora, o estudio estaba a 500 metros do local de ensaio. “Tomámoslle a medida á nosa repercusión e traballamos de xeito case introspectivo”, engade. O resultado, nove cancións que ampliaban o seu campo de batalla a extensións case heréticas. Non por acaso Os Resentidos foron un proxecto post punk e no post punk todo estaba permitido. 

“Tiñamos certa obsesión por asumir as músicas latinas”, lembra Reixa, “e comezabamos a albiscar a importancia do rap”. Con esa daquela inaudita maneira de recitar, Galicia Sitio Distinto (2ª parte) pechaba o elepé e axiña se erixiría nun dos seus himnos de combate: “así che nos vai a coruña lugo ourense e pontevedra / nambia palestina nicaragua e guatemala”. Polo medio, Songoro Cosongo en homenaxe a Nicolás Guillén ou ese sabrosón Tumbao.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 319 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en CULTURA
Comentarios