Nace Resaca emocional, un colectivo de artistas musicais e visuais atravesado pola diversidade

Compoñentes do colectivo Resaca emocional.
O primeiro avance deste traballo en común é Bolboretas, o seu sinxelo debut, “unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse, pintando unha imaxe vívida da delicada danza entre a atracción e o medo”.

Resaca emocional é nome do novo colectivo creativo galego que vén de darse se dá a coñecer co lanzamento do seu primeiro sinxelo, Bolboretas, e que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais. Resaca emocional —RSK no seu nome curto— é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais, mais tamén dun amplo equipo técnico, no que a comunidade é a clave deste proxecto, atravesado polas diversidades, e no que “todes sumen”.

Entre os seus compoñentes están, entre outras, Ash Diz, composición, voz, percusión tradicional, teclado e vídeo; Gala Rodríguez, escenografía, vídeo, foto; Rocío Campoy, debuxo e maquillaxe; Brais Iriarte, baixo, guitarra e voces en directo; Lorena Cachito, percusión, voces en directo, ou Zeltia Iglesias, deseño do logo, cartelaría e tipografía.

“Apostamos pola creatividade e o traballo común desde a diversidade, sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde”, expresa o colectivo.

 

Resaca emocional opta por un son pop, naive e sensíbel con picos do baile e desfase techno. As emocións son o eixo do imaxinario do colectivo, tal e como se poderá escoitar no seu primeiro traballo, editado por Tremendo Audiovisual, no que exploran sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.

O primeiro avance deste traballo en común é Bolboretas, o seu sinxelo debut, “unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse, pintando unha imaxe vívida da delicada danza entre a atracción e o medo”. Por medio de sintetizadores e percusións “apertantes”, ademais dunha animación coidada —creada, nesta ocasión, por Peque Varela—, a canción tamén aborda a idea “de que todes somos museos vivos, seleccións formadas por anacos que tomamos da xente á que queremos, dando forma así ao que somos”, declaran.