Rianxo acollerá a edición máis aberta e plural do Rock in Rian

Integrantes da banda galega Lamatumbá, que regresan aos escenarios neste verán de 2023. (Foto: DZPro)
Lamatumbá, Sés e Mondra subirán ao escenario. 

O festival Rock in Rian de Rianxo (O Barbanza), presenta este ano a súa edición "máis aberta e plural". O festival acolle neste 2024 unhas 18 formacións, entre as que, ademais das galegas, hai grupos que chegan desde Euskadi, País Valencià e Madrid. Outro tanto acontece en canto as estilos musicais. O Rock in Rian abre este ano o abano de sonoridades máis que nunca con propostas que van do punk rock ao reggae, do neotradi ao soul, do pop festivo á comprometida canción de autor.

Na súa primeira xornada, a sexta feira 6 de setembro, o Rock in Rian contará coa presenza no seu escenario de Kaotiko, toda unha lenda no punk rock peninsular. Tamén estará a banda valenciana de reggae Auxili, os madrileños Alamedadosoulna, referencia da escena das músicas negras; Sés, coa súa proposta de mestizaxe sonora e compromiso; e A Duendeneta, que se encargará de animar os cambios entre os grupos e de facer unha sesión tralo remate dos concertos. A xornada da sexta feira tamén contará coas actuacións das bandas locais Río de Anxo, Fogo Fatuo, Vai de Roda e Buxaina.

O programa da xornada do sábado inclúe un dos pouquísimos concertos que van ofrecer neste 2024 Lamatumbá. Ademais dunha das mellores bandas de ska da península, os navarros Skabidean; a revisión da nosa música tradicional en clave de electrónica e danza que propón Mondra; Dios Ke Te Crew, a banda seminal do rap e do hip hop galego; o rock enérxico, festivo e comprometido de Pauliña; o desenfreo sempre bailábel e cheo de sentido do humor de Monoulious Dop; os non menos desenfreados e vitalistas Os Vacalouras; a brass band feminina máis admirada da Galiza, Brassica Rapa; a banda de rúa Louband e, de novo, A Duendeneta, nos cambios entre grupos e no fin de festa.

Actividades paralelas

Áo mediodía do 6 de setembro no auditorio da vila, presentaranse as cancións e os traballos feitos nos últimos meses por escolares de Rianxo xunto a Pauliña, Dios Ke Te Crew, Xurxo Souto e Sés. Nese mesmo acto tamén se presentará o videoclip de cada canción e a after movie do evento. O Rock in Rian programará espectáculos de rúa, presentacións literarias, proxeccións audiovisuais e pasabares.