'O corpo aberto', de Ángeles Huerta, protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
Tamén analizamos a orixe da tradición do Samaín e o impacto das obras realizadas polo Concello de Vigo na rúa Elduayen, alén de múltiples contidos sobre literatura, música, deseño ou cinema.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. O semanario protagonízao, desta volta, a cineasta Ángeles Huerta, que é entrevistada por Irene Pin após estrear o pasado mes o filme O corpo aberto, obra baseada nun relato de Xosé Luís Méndez Ferrín.

"Miguel é un personaxe que observa, pola regaña da porta, a través da fiestra da escola... Coma nós, que estamos sentados na nosa butaca. E pode parecer pasivo, pero é o protagonista absoluto da película porque é o que encarna esa transformación tan brutal, o que realiza esa viaxe tan perigosa e tan real ao mundo das tebras, por dicilo dalgunha maneira", sinala nesta conversa que se publica o sábado.

Recuperando o Samaín

Xa é tempo de Samaín e Mar Álvarez achéganos ás súas orixes e vixencia da celebración na actualidade a través da reportaxe Samaín: recuperar a tradición. Unha tradición que, precisa a xornalista, nos anos 90 "seguía viva, aínda que adormecida, na cultura popular, mais non tiña un nome que a definira e axudara a preservala".

A época do Samaín, e en xeral o outono, conta cunha gastronomía propia. O costume de baleirar as cabazas para introducir unha vela dentro propicia que este produto se converta no alimento central da festa do Samaín. Con ela elabóranse diversas preparacións, como o cabelo de anxo ou a sobremesa máis típica destas datas: as chulas de cabaza; que comparten protagonismo nesta época coas castañas.

A historia agochada en Vigo

A segunda reportaxe deste Sermos asínaa Xosé Barros, que analiza o impacto das obras executadas polo Concello de Vigo na rúa Elduayen, "onde o pasado da cidade olívica teima en agromar", sinala o xornalista nesta peza titulada Os restos de Elduayen. A historia baixo os pés de Vigo.

Cando os equipos de construción contratados polo Goberno local comezaron a levantar o solo, os primeiros restos arqueolóxicos non tardaron moito en aparecer. Muros de vivendas, cimentos de edificacións antigas e o trazado das anteriores rúas que percorrían Vigo forman parte do xacemento que hoxe está ao descuberto en Elduayen. Unha oportunidade única e privilexiada para estudar o pasado da cidade que, porén, está a espertar o conflito entre o Concello de Vigo, co seu alcalde Abel Caballero á cabeza, a veciñanza e as asociacións que pulan pola protección do patrimonio cultural.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas, que trae as últimas novidades, a comezar por Un mapa, de Belém Tajes, mentres Fernando Montenegro asina o artigo titulado O paradoxo da perfección, dedicado a Glenn Gould.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Arxentina, 1985, de Santiago Miltre, mentres Pepe Barro tráenos na sección de Deseño o 'frescor do mar na boca' do dentífrico Tambo.

Noutra orde, Tensi Xesteira analiza na sección de Libros a obra Até aquí podo contar, deJosé Manuel Dopazo Entenza (Ed. Chan da Pólvora), así como outras novidades literarias, mentresManuel Barreiro fala de Black is Beltza. Ainhoa, deFermin Muguruza(Demo Editorial). Aliás, o colectivo Xealévanos a facer un percorrido polo monte do Grove.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta deXerardo R. RocaeXoán Costa.

*Lembra que podes atopar oSermos Galizaeste sábado acompañando o xornalNós Diario&64 páxinas por tres euros!