'The Tambourine Man', de Xabier Díaz entra no alto da lista da 'World Music Charts Europe'

É unha clasificación de referencia, confeccionada por xornalistas especializados de toda Europa. Díaz leva vendidas xa máis de 3.000 copias de 'The Tambourine Man' en apenas 4 meses.

Xabier Díaz e Adufeiras
photo_camera Xabier Díaz e Adufeiras

'The Tambourine Man’, o último disco de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, vén de entrar directo aos postos máis altos da 'World Music Charts Europe' (WMCE), a máis importante clasificación para as músicas do mundo en Europa.A WMCE publica cada mes unha actualización dos ‘top ten’ dos últimos discos de ‘world music’ producidos en Europa e o traballo do pandereteiro coruñés entrou directamente no posto número 4. O primeiro lugar ocúpao o finés Kimmo Pohjonen. 

Estamos a falar dunha listaxe producida por un xurado composto por 48 xornalistas especializados en ‘world music’ de 44 estados de Europa (un dos cales é galego). Foi creada en 1991 por 11 emisoras de radio de distintos países pertencentes á European Broadcasting Union (EBU), que organiza, por exemplo, o festival de Eurovisión. 

Máis de 3.000 copias vendidas

Xabier Díaz ten xa na rúa a terceira edición do seu ‘The Tambourine Man’, que leva vendidos máis de 3.000 copias en menos de catro meses desde que saíu (autoeditado) en outubro de 2015. Mentres, o músico coruñés prosegue coa súa xira de presentación coas Adufeiras de Salitre, que xa o levou á Coruña, Vigo, Santiago, Madrid e Barcelona. 

Comentarios