Israel responde á elección de Yahya Sinwar ameazando cunha invasión a "grande escala" da cidade de Gaza

Confirmada a autoría israelí no asasinato de Haniyeh.
Yahya Sinwar (Hamás) no centro. (Foto: Ahmad Hasaballah / Europa Press / Contacto)
photo_camera Yahya Sinwar (Hamás) no centro. (Foto: Ahmad Hasaballah / Europa Press / Contacto)

A sionista Canle 12 comunicou a cuarta feira que o Exército do réxime israelí está a preparar un ataque terrestre “a grande escala” en Beit Hanoun e outras áreas da cidade de Gaza logo de reclamar á poboación que queda na zona que fuxa a “refuxios coñecidos”, e que son bombardeados frecuentemente polos militares israelís.

A cidade foi bombardeada durante a mañá, así como os campos de refuxiados de Nuseirat e Bureij e tendas de campaña de persoas desprazadas en Khan Younis, como parte da agresión militar sionista ao enclave palestino, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) definen como xenocidio e limpeza étnica, e que matou como mínimo 39.677 persoas desde outubro.

Porén, un estudo da revista The Lancet que inclúe os milleiros de persoas desaparecidas baixos os cascallos efectuou unha estimación “conservadora” de 186.000 mortes, 8% da poboación da Faixa.

Malia o anuncio israelí, a canle Al Jazeera transmitiu o “temor crecente” de que a invasión sionista tamén inclúa o centro de Gaza, no que concentrou os ataques recentes.

Isto chega despois de que a organización palestina Hamás nomeara novo líder Yahya Sinwar, que xa dirixía o grupo en Gaza e ao que Israel considera detrás da operación da resistencia palestina do 7 de outubro. Daniel Hagari, voceiro do Exército do réxime de apartheid, reafirmou que intentarán asasinalo.

Sinwar foi elixido despois de que Israel matara en Tehran, a capital iraniana, o anterior líder da organización, Ismail Haniyeh, autoría que funcionarios estadounidenses confirmaron ao xornal The Washington Post e que lles tería trasladado o Goberno de ultradereita israelí.

Malia que apuntaron que a Casa Branca reaccionou con “sorpresa e indignación” ao supor un novo intento do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, de bloquear os avances nas negociacións de paz con Hamás, os Estados Unidos seguen a avalar o xenocidio que está a cometer Israel e armar o seu Exército para perpetralo.

Ademais, anunciaron o envío de máis cruceiros e destrutores, así como outro escuadrón de cazas, á zona para protexer Israel das anunciadas represalias de Irán pola morte de Haniyeh e da libanesa Hezbolá polo asasinato dun alto cargo.

Ali Bagheri Kani, ministro de Exteriores iraniano, criticou “a inacción do Consello de Seguridade da ONU en relación aos crimes israelís”, algo determinante na decisión do réxime de Israel de “expandir a inestabilidade e a inseguridade na rexión” e continuar coa agresión a Gaza.

Comentarios