O novo Goberno provisorio de Bangladesh toma posesión a quinta feira despois da fuxida da primeira ministra

Muhammad Yunus, premio Nobel da Paz, encabezará o Executivo.
O premio Nobel da Paz, Muhammad Yunus. (Foto: Sazzad Hossain / Europa Press / Contacto)
photo_camera O premio Nobel da Paz, Muhammad Yunus. (Foto: Sazzad Hossain / Europa Press / Contacto)

O líder do Exército de Bangladesh, Waker Uz Zaman, trasladou a cuarta feira que o novo Executivo provisorio tras a dimisión e fuxida do país da ex primeira ministra Sheikh Hasina tomará posesión a quinta, cando o premio Nobel da Paz Muhammad Yunus retorne ao país.

Yunus, que recibiu o galardón polo desenvolvemento dun sistema de microcréditos para incentivar o desenvolvemento socioeconómico de persoas en situación de pobreza ás que as institucións financeiras tradicionais non aprobarían préstamos, foi proposto polo liderado do estudantado que impulsou as protestas contra Hasina, e foi aceptado como conselleiro principal -como se denomina no país ao líder dun Executivo de transición cara a unhas novas eleccións- polo presidente, Mohammed Shahabuddin, e o Exército.

Violencia xeneralizada

Perante os asasinatos de integrantes da Liga Awami de Hasina após ser derrocada, que sucederon á forte represión gobernamental das mobilizacións, e no contexto da violencia xeneralizada, o principal sindicato policial anunciou a terza feira unha folga até que se garanta a seguridade dos axentes, o que derivou en que estudantes asumiran desde o control do tráfico até a protección de comisarías ou templos relixiosos. Arredor de 400 persoas perderon a vida no marco das protestas e da saída de Hasina do poder.

Ao respecto, Yunus advertiu que “se tomamos o camiño da violencia todo quedará destruído”.

Prexuízo para a India

A fuxida de Hasina de Bangladesh tamén supón un importante golpe para os lazos coa India e abre segundo analistas citadas pola axencia AP a porta a que o país estreite os seus lazos coa China e Paquistán, Estado do que se independizou en 1971.

Comentarios