Vilaxoán prepárase para acoller o Revenidas de maior orzamento

Concerto de Me Fritos and the Gimme Cheetos na edición do ano pasado do Revenidas. (Foto: Festival Revenidas)

O orzamento desta edición do festival, que se celebrará do 12 ao 15 de setembro, supera os 900.000 euros.

"Nunca se viu algo tan grande nunha vila tan pequena", comezou sinalando o organizador do Revenidas, Xoán Quintáns, na presentación do festival que tivo lugar onte en Vilaxoán, á que asistiron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, e o responsábel de marketing local e clientes de Mahou na Galiza, Jesús Manuel Saez, e que estivo animada polo grupo Lontreira.

Quintáns anunciou que o festival, que decorrerá do 12 ao 15 de setembro, baterá varios récords: o do seu orzamento, que supera os 900.000 euros, e o do número de abonos vendidos.

O Revenidas mantén as liñas mestras que caracterizan o festival de Vilaxoán: "unha aposta maioritaria por grupos galegos, tanto consolidados como emerxentes, a convocatoria de grupos que se achegan por primeira vez ao festival, como é o caso este ano de El Kanka e Muchachito Bombo Infierno; e clásicos internacionais, como Talco ou Dubioza Kolektiv".

O Revenidas 2024 arrinca o día 11, ás 11.30 horas, coa celebración do roteiro guiado Re-Descubre Vilaxoán a cargo de Xurxo Souto.

Os concertos comezarán o día 12, unha xornada na que actuarán Lendakaris Muertos, Muchachito Bombo Infierno, Dakidarría, Tye Tyets, Balkan Paradise Orquestra, Mafalda, Vértebras, Trashtucada e A Duendeneta.

Os concertos da sexta feira, día 13, correrán por conta de La Pegatina, Fillas de Cassandra, Narco, Miss Bolivia, ETS, Lontreira, Muyayo Rif, García MC & Nación Qilombo, Serial Killer Z e A Duendeneta.

O Revenidas acollerá o sábado as actuacións de Tanxugueiras, Dubioza Kolektiv, El Kanka, The Rapants, Guadi Galego, Talco, La Fúmiga, Los Niños Jesús, Rebeliom do Inframundo, Xavi Sarrià, Catuxa Salom, Lágrimas de Sangre, Loita Amada, La Yaya Dj e A Duendenta.

O domingo 15, finalmente, conta con Uxía Lambona e a Banda Molona, Os Terribles de Arousa, Mekanika Rolling Band, Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures.

Ademais, o Revenidas contará coas actividades tradicionais dos Concertos a Bordo, a Gala Solidaria de Circo e, por suposto, a sardiñada que segue a ser considerada como o epicentro do festival.