París 2024 | Piragüismo

Novo diploma para Antía Jácome, cuarta na final do C1 200 a só 66 centésimas do ouro (e o récord olímpico)

A padexeira pontevedresa Antía Jácome loitando nos metros finais por meterse no podio. (Foto: AFP7 / Europa Press)
A canadense Katie Vincent venceu pulverizando a anterior plusmarca que ostentaba a estadounidense Nevin Harrison, prata nesta ocasión. O bronce levouno a cubana Yarisleidis Cirilo Duboys.

A pontevedresa Antía Jácome rematou cuarta na final do C1 200 a tan só 66 centésimas da campioa olímpica, a canadense Katie Vincent, que bateu os récord olímpico e mundial (44.12) nunha regata especialmente axustada até os metros finais. A prata foi para a estadounidense Nevin Harrison e o bronce para a cubana Yarisleidis Cirilo Duboys.

Harrison cruzou a meta só unha centésima por detrás de Vincent, mentres a cubana marcou un tempo tamén sensacional de 44.36. Jácome logra así un moi meritorio diploma olímpico, o segundo tras o conseguido esta sexta feira no C2 500 xunto á madrileña María Corbera.

Non tivo a mellor saída, pero recuperou terreo cedo e acabou entrando na loita polos metais até o momento mesmo de cruzar a liña de meta. A pontevedresa cruzou a apenas 42 centésimas de Cirilo Duboys, vixente campioa do mundo nesta distancia.

E é que esta final estaba chea de 'ósos', pois Harrison, prata este sábado, levara o ouro en Toquio con récord olímpico, o mesmo que agora pulverizou Vincent e mesmo a propia Jácome, que con esta marca sería campioa nos Xogos de hai tres anos.

Antía Jácome rematara na quinta posición no C1 200 de Toquio, tamén cun diploma, na que foi a súa estrea olímpica. Con este resultado, sumado ao sexto posto na final do C2 500, a pontevedresa afirma marchar moi satisfeita de París.