París 2024 | Piragüismo

Antía Jácome, satisfeita cos dous diplomas de París, apunta ao futuro: "Sei que algún día subirei ao podio olímpico"

A padexeira pontevedresa Antía Jácome, este sábado, na zona mixta de Vaires-sur-Marne após obter o seu segundo diploma nestes Xogos. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
"Xa non podía dar máis de min, hoxe terminei baleira de todo. Fixen unha regata moi boa, cun moi bo tempo [a súa mellor marca persoal até o momento]... de verdade que non tiña máis no meu corpo para dar hoxe", dixo a pontevedresa, orgullosa do seu traballo esta última semana en Vaires-sur-Marne.

Ten aínda 24 anos e un futuro máis que prometedor por diante no piragüismo, pero Antía Jácome xa pode presumir hoxe de participar en dúas citas olímpicas e conseguir nada menos que tres diplomas: quinta no seu debut en Toquio no C1 200, sexta en París no C2 500 canda a madrileña María Corbera e este mesmo sábado cuarta na mesma proba que a levara á súa primeira final nos anteriores Xogos.

Escapou por moi pouco a medalla —42 centésimas, en concreto— nunha regata na que cruzou a meta cunha marca (44.78) que lle valería en Toquio o ouro, pero que tamén superaron desta volta a cubana Yarisleidis Cirilo Duboys —vixente campioa do mundo—, a estadounidense Nevin Harrison —ouro e antigo récord olímpico en Toquio— e a canadense Katie Vincent —desde hoxe a nova plusmarquista olímpica e mundial—. E Jácome, consciente do difícil que foi chegar até aquí e da súa brillante actuación esta última semana en Vaires-sur-Marne, marcha sen un metal colgado do pescozo pero con dous valiosos diplomas e unha enorme satisfacción.

"Xa non podía dar máis de min, hoxe terminei baleira de todo. Fixen unha regata moi boa, cun moi bo tempo [a súa mellor marca persoal até o momento]... de verdade que non tiña máis no meu corpo para dar hoxe", asegurou na zona mixta, onde se atopaba un día máis Nós Diario, após a regata.

E se ben non oculta que lle gustaría, como a calquera outra das súas rivais na final, subir ao podio, despídese este sábado dos Xogos "cun sabor de boca mellor" que o da sexta feira, cando foi sexta con Corbera no C2 500. "Porque sei do que somos capaces María e eu", dixo, admitindo que aspiraban a máis nunha regata na que as condicións meteorolóxicas, pola dirección do vento, prexudicou especialmente a súa canoa. "Mais estou segura de que nalgún momento seremos capaces de subir ao podio olímpico", matizou, ao tempo que rexeitou "pór escusas".

"Din o meu 100%. Cando cheguei á meta non sabía se fora cuarta, quinta... Miroume a canadense que foi sexta [Sophia Jensen] e dixo, 'bo traballo, Antía!'. Xa non podiamos máis ningunha", reiterou a pontevedresa, "moi orgullosa" co traballo realizado na súa proba fetiche e cos resultados olímpicos que obtivo nestas dúas últimas citas. "Un cuarto posto hai que conseguilo. En Toquio fun quinta, onte [pola sexta feira] sexta, e estou moi orgullosa de todos eses resultados. Traballando moito, como o fixemos neste último ciclo olímpico, conseguirémolo [subir ao podio] algún día", augurou.

Mais xa haberá tempo para iso de aquí a un tempo, porque Jácome só pensa agora en tomarse un merecido descanso. "Necesito tranquilidade, paz mental, desconectar do piragüismo. Estou un pouco saturada, e é normal. Marcho feliz polo que conseguín. Gustaríame subir ao podio, pero remontei un posto [a respecto de Toquio] e seguirei remontando para un día subir...", insistiu.