Bronce olímpico para Damián Ramos, terceira medalla galega

Damián Ramos, esta cuarta feira na saída da contrarreloxo en París (Foto: CPE).
O galego quedou a 1:19 do francés Kevin Le Cunff, gañador con 36:46 por diante do tamén galo Gatien Le Rousseau, que quedou a 0:31.

O ciclista galego Damián Ramos conseguiu esta cuarta feira a medalla de bronce na contrarreloxo da clase C4 dos Xogos Paralímpicos de París, a terceira para a Galiza.

Ramos colgou o metal na clase que agrupa a ciclistas coa coordinación algo limitada nun lado do corpo e nas extremidades inferiores. Fíxoo tras quedar a 1:19 do francés Kevin Le Cunff, gañador con 36:46 por diante do tamén galo Gatien Le Rousseau, que quedou a 0:31 do gañador.

O ciclista, ao remate, deixou claro que este 4 de setembro era "sen dúbida, o día máis feliz" da súa vida.

"Tiven datas chave na miña vida, o día que nacín, por suposto, o que tiven o accidente de nocello tan grave que me tivo dous anos en cadeira de rodas, o 24 de agosto que viaxei a París que se cumprían dez anos, e hoxe", expresou Ramos tras a súa contrarreloxo.

O galego quixo "agradecer" este éxito a toda a xente que lle apoiou despois dun 2024, un ano "moi complicado porque un ciclo olímpico é salvaxemente difícil".

Agora asegura que "o obxectivo está cumprido e non hai ninguén máis feliz ca min", reiterou.

Fíxo seu crono na súa "liña". Explicando a proba, Ramos sinala que "escoitaba pola radio que estaba fóra, pero grazas ao que meu adestrador sabe, sempre vou de máis a menos, adoito picar como un globo e é esa capacidade de sufrimento pola que puiden outra vez resarcirme e subir para finalmente volver ser terceiro porque sabía que nos parciais ía primeiro, segundo, terceiro, cuarto. Así que polos pelos, pero téñoo".

"Viña con moitísimas ilusións. Sempre escoitas o soño olímpico, que vés para gozalo e gustoume moitísimo. Tiña moitas esperanzas e a xente dicíame que igual me decepcionaba, mais o ambiente na vila foi espectacular. Pénsome levar un recordo de todo o que poña Paris 2024. Estas foron as dúas semanas máis felices da miña vida, sen dúbida", sentenciou.