O Concello da Coruña e o Deportivo renovarán o convenio de Riazor con uso gratuíto durante 25 anos

Estadio Abanca-Riazor da Coruña. (Foto: RC Deportivo)
Inés Rei valora a disposición do club para asinar o convenio para o uso gratuíto de Riazor durante os próximos 25 anos "nos termos propostos polo Goberno, moi parecidos aos agora vixentes e que evitan calquera tipo de especulación co patrimonio público municipal".

O Deportivo e o Concello da Coruña renovarán finalmente o convenio para o uso do estadio municipal de Riazor con cesión gratuíta durante 25 anos, despois de que o club, tras o posicionamento manifestado a este respecto polo Goberno local —descartando un prazo de 40 anos con pago de cánon e explotación económica—, renunciase á súa proposta inicial.

Nun comunicado, o Executivo de Inés Rei afirma que a alcaldesa acepta "a rectificación" feita pública pola dirección do Dépor, na que anuncia que o accionista maioritario rexeita a súa pretensión inicial de obter a cesión do estadio durante 40 anos e acepta a chamada cláusula de arraigamento que propuxo o Goberno local "desde o primeiro momento", renunciando tamén á explotación económica do estadio fóra da actividade deportiva.

Segundo informa o consistorio, a rexedora valora a disposición do club para asinar o convenio para o uso gratuíto de Riazor durante os próximos 25 anos "nos termos propostos polo Goberno, moi parecidos aos agora vixentes e que evitan calquera tipo de especulación co patrimonio público municipal".

Rei, engade o comunicado, mantivo esta cuarta feira unha conversa co presidente do club, Álvaro García Diéguez, para retomar a relación entre ambas as institucións. Ao mesmo tempo, lamenta que "se privou á afección da merecida celebración en María Pita" ao día seguinte do ascenso a Segunda División.

A alcaldesa celebra, ademais, "o cambio de parecer" do accionista maioritario do Dépor, en referencia a Abanca, e "que acepte finalmente as condicións que rexeron a cesión do estadio municipal durante os últimos 25 anos". O Goberno local iniciará "de maneira inmediata" os trámites para renovar o convenio de cesión nos termos do actual acordo, asinado no ano 2000 e con vencemento en 2025.

"A praza de María Pita e o Palacio Municipal están abertas para acoller aos xogadores e ao cadro técnico para celebrar a volta do club ao fútbol profesional", recalca o consistorio, que colaborará "cos actos de celebración que se organicen como sempre fixo".