A Eurocopa despídese até o sábado
Disque todo o bo remata, e como non podía ser doutro modo a primeira e máis intensa das fases do principal torneo continental do planeta fútbol conclúe esta cuarta feira logo de 13 días nos que se disputaron até 36 partidos.
Asi, a partir de mañá os 16 equipos que logren clasificarse para a rolda de oitavos de final gozarán de dúas xornadas de descanso para repor forzas de cara aos compromisos da fin de semana, que cimentarán o camiño á finalísima do 14 de xullo.
Pero antes os integrantes dos Grupos 'E' e 'F' deberán enfrontarse por última vez e, así, dilucidar que últimos nomes integran esa listaxe, recaendo (case) toda a atención no igualadísimo 'E', no que todos teñen o mesmo número de puntos, tres.
Iso significa que todo se decidirá no Ucraína-Bélxica e o Eslovaquia-Romanía programados ás 18 horas. Os Diaños Vermellos, favoritos sobre o papel para liderar o grupo, precisan referendar a súa teórica superioridade sobre o céspede do Neckarstadion de Stuttgart ante un conxunto ucraíno chamado a ser unha das revelacións da Euro pero que decepcionou até o de agora.
Pola súa parte, un dos dous rivais máis débiles, Eslovaquia e Romanía, garantirase no Frankfurt Arena un boleto á seguinte fase se é quen de facerse co triunfo.
Escenario ben diferente é o que se vive no Grupo 'F', onde as augas baixan moito máis tranquilas, o que significa que resulta máis sinxelo intuír o que acontecerá na derradeira data.
Portugal, co pase xa no peto, está nunha situación privilexiada para sacar petróleo dunha Xeorxia (Veltins-Arena de Gelsenkirchen, 21 horas) necesitada do triunfo para chegar aos oitavos, o que beneficia o concepto de xogo proposto polo seu técnico, Roberto Martínez, que aínda dubida entre dar descanso ao veteranísimo Cristiano ou empregalo como titular para que intente marcar o seu primeiro gol na Euro aproveitando os previsíbeis espazos que deixarán os Cruzados.
Finalmente, e á mesma hora, Chequia e Turquía (Volksparkstadion, Hamburgo) coliden sabendo que os centroeuropeos están obrigados a gañar e que aos otománs abóndalles co empate.