EUROCOPA

A guía da Eurocopa 2024: Grupo 'F'

Cristiano vai a pola súa segunda (e derradeira) Euro.
(Foto: Nós Diario).
photo_camera (Foto: Nós Diario).

A escasos oito meses de celebrar o seu 40 aniversario, non era necesario que o dixese, pero despois de anotar dous tantos ante Irlanda no último amigábel preparatorio de Portugal antes da Eurocopa, Cristiano Ronaldo recordouno: "Non me quedan moitos anos no fútbol".

O astro de Madeira, que desde 2023 vive un exilio cuberto de ouro en Arabia Saudita, afronta a que sen dúbida será a súa derradeira Eurocopa en Alemaña 2024, torneo que tamén podería supor o seu adeus ao escenario internacional no caso de que non chegue ao Mundial de 2026. 

Portugal conta cun bloque moi sólido apoiando CR7

Por todo iso, CR7 viaxará motivado ao 110% a unha cita na que estará acompañado por un dos mellores bloques en canto a xuventude, veteranía, talento e esforzo, representado por futbolistas como Bernardo Silva, João Palhinha, Rubén Dias, Pepe, João Félix ou Rafael Leão.

A superioridade lusa é evidente, e todo o que non sexa que remate no primeiro posto sería unha das grandes sorpresas da primeira fase da Eurocopa, pois nin Turquía, Xeorxia ou Chequia semellan ser quen de facerlles sombra.

Arda Güler pode ser unha das sensacións individuais do torneo

Xa que logo, o foco de atención recaerá na loita pola segunda posición, que pode ficar moi condicionada polo que aconteza na primeira data, onde unha República Checa sólida pero sen nomes 'top' -o máis coñecido é o    centrocampista Tomáš Souček- colide con Portugal, mentres que Turquía non debería pasar apuros para facerse cos tres puntos ante a modesta Xeorxia.

Os otománs, liderados polo experimentado Hakan Çalhanoğlu, que vén de conquistar a Serie A italiana co Inter de Milán, e un Arda Güler que aos seus 19 anos xa deu mostras da súa exorbitada calidade no Real Madrid, deben avanzar de rolda por vez primeira desde 2008, cando alcanzou as semifinais.

HORARIOS DO GRUPO 'F'

Turquía - Xeorxia: 18 de xuño ás 18 horas

Portugal - República Checa: 18 de xuño ás 21 horas

República Checa - Xeorxia: 22 de xuño ás 15 horas

Portugal - Turquía: 22 de xuño ás 18 horas

Xeorxia - Portugal: 26 de xuño ás 21 horas

República Checa - Turquía: 26 de xuño ás 21 horas

Comentarios