Eurocopa

A guía da Eurocopa 2024: Grupo 'E'

A derradeira oportunidade dunha crepuscular Bélxica sen Courtois á que Romanía, Eslovaquia e Ucraína optan a dar o golpe de graza.
O ex celtista Lobotka, agora no Nápoles, leva a batuta de Eslovaquia. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ex celtista Lobotka, agora no Nápoles, leva a batuta de Eslovaquia. (Foto: Nós Diario).

Os conflitos entre os adestradores e os seus futbolistas estrela son tan antigos como o propio fútbol e os maiores prexudicados, ademais dos seareiros e seareiras, son os propios equipos, que asisten con impotencia á perda dun activo que adoita ser fundamental.

Iso é o que aconteceu nunha Bélxica que chega á Eurocopa de Alemaña 2024 sen o seu mellor xogador, o porteiro Thibaut Courtois -flamante campión continental de clubs co Real Madrid- a causa da mala relación co seleccionador, Domenico Tedesco. 

Courtois, quizais o mellor porteiro do mundo, non estará na Euro por un enfrontamento co seleccionador belga

Mais non é a do gardameta a única ausencia destacada do combinado belga, que nos últimos tempos perdeu o seu antigo líder, Eden Hazard, retirado en 2023 con apenas 32 anos tras tornar nunha sombra de si mesmo. 

Por iso, os Kevin De Bruyne, Romero Lukaku, Jeremy Doku e compañía, sempre tan irregulares como xeniais, están obrigados a ofrecer a súa mellor versión neste torneo se queren que non se noten as ausencias e así non verse sorprendidos na carreira polo liderado do grupo.

Ucraína pode ser unha das grandes 'tapadas' da competición

Ucraína é a outra gran aspirante a esa posición de privilexio. Baixo a dirección do lendario ex dianteiro do Dinamo de Kiev Serhiy Rebrov, e con Artem Dóvbyk, máximo goleador da liga española, como estilete dun bloque confeccionado con pezas brillantes como Lunin, Tsygankov e Zinchenko, a segunda posición podería ser até un premio menor para a actual selección ucraína.

Isto deixa Romanía como a terceira en discordia. Sen nomes tan coñecidos para o gran público, coas excepcións, quizais, de Drăgușin, Ianis Hagi ou Moldovan, a súa única esixencia será vencer unha Eslovaquia que semella estar un chanzo por debaixo. Un vello coñecido da afección galega, o ex celtista Lobotka, ten por diante o reto de levar os seus a superar os romaneses.

Comentarios