O fútbol amigábel invade os terreos de xogo galegos

Fútbol e familia adoitan ir da man no período estival na Galiza. (Foto: RC Deportivo).
Dispútanse até catro partidos de alto nivel ao longo desta fin de semana: Pontevedra-Deportivo, Ourense-Rácing de Ferrol, Celta Fortuna-Bergantiños, e Coruxo-Lugo.

Fútbol, fútbol e máis fútbol esta fin de semana. A afección non precisará sintonizar a televisión -cuns Xogos Olímpicos que, polo menos no referente ao deporte rei, están dando que falar por todo menos polo espectáculo sobre o terreo de xogo-, pois a Galiza acollerá até catro partidos de alto nivel: Pontevedra-Deportivo, Ourense-Rácing de Ferrol, Celta Fortuna-Bergantiños, e Coruxo-Lugo.

O primeiro é un clásico do verán galego, pois granates e branquiazuis son dous equipos historicamente afíns que, unha vez máis, medirán forzas no día do sábado, concretamente ás 20 horas no Estadio de Pasarón, mais tamén poderá seguirse a través da canle de Youtube da escuadra herculina.

Alí, o Dépor disputará o seu segundo encontro do verán logo das extraordinarias sensacións que ofreceu hai catro días fronte o Ourense Club de Fútbol da Primeira Federación, ao que superou por un contundente 4-0 a pesar de ausencias como a de David Mella, que participará mañá xunto co resto dos seus compañeiros do combinado estatal na finalísima do Europeo Sub-19 (20 horas).

Precisamente o Ourense tratará de resarcirse desa derrota contra o outro representante da Galiza na Segunda División, o Rácing de Ferrol (sábado, O Coruto, 20 horas) . Os Diaños Verdes non están no seu mellor momento -como evidenciaron no recente empate sen goles ante o Bergantiños-, acusando as numerosas baixas con respecto ao cadro de xogadores da anterior tempada, algo que recoñeceu incluso o centrocampista Nacho Sánchez: "Aínda somos poucos, faltan extremos, mediocentros e centrais, pero iso é traballo de Carlos Mouriz [director xeral do Rácing], que seguro que o fará moi ben".

Unha hora antes do Pontevedra-Deportivo e o Ourense-Rácing arrancará en Burgáns (Cambados) un choque entre outro conxunto da terceira categoría, o Celta Fortuna, e ese Bergantiños que tan difícil llo puxo á formación departamental, nun duelo que marca oficialmente o comezo da pretempada do filial celeste.

E, por último, pero non por iso menos importante, como se adoita dicir, Club Deportivo Lugo e Coruxo colidirán ás 12 horas deste sábado no Vao. O preparador albivermello, Lolo Escobar, probará alí boa parte das novas incorporacións lucenses.