EUROCOPA

A guía da Eurocopa 2024: Grupo 'D'

Lewandowski e Mbappé vivirán unha previa dos seus futuros duelos na Liga 2024/24. (Foto: Nós Diario).
Francia asusta o medo e parte como gran favorita nun grupo no que nin Austria, nin Polonia, nin uns Países Baixos vidos a menos deberían poñela en apuros.

Mandanda, Digne, Lenglet, Zouma, Aouar, Sissoko, Martial, Lacazette, Diaby, Benzema... todos estes nomes falan por si mesmos do potencial dunha selección francesa que vai tan sobrada que pode permitirse prescindir deles na súa listaxe de convocados.

Favoritísima a levantar a Eurocopa o 14 de xullo na final de Berlín, o combinado galo, vixente subcampión do mundo, chega a Alemaña coa maior conxunción de talentos individuais de todo o torneo.

De conseguir facerse co título, o francés Didier Deschamps ou o neerlandés Ronald Koeman tornarían nos segundos homes en gañar a Eurocopa como xogadores e como seleccionadores, logo do alemán Berti Vogts. 

Liderada por Kylian Mbappé, o flamante madridista encabeza unha Francia que destaca tamén pola súa entrega e poderío físico, representado polos brancos Tchouaméni e Camavinga, o renacido N'Golo Kanté ou o neno prodixio de tan só 17 anos Warren Zaïre-Emery.

O seu maior obstáculo para rematar primeira de grupo serán uns Países Baixos cos que xa coincidiron na fase de clasificación, onde non foron quen de opor resistencia, como demostra o 4-0 que apañaron en París e o 1-2 co que caeron en Amsterdam. Porén, os orange xa avanzaron na súa reconstrución após ficar fóra da Euro 2016 e do Mundial 2018, e na última gran cita internacional, a Copa do Mundo 2022, alcanzaron os cuartos de final e puxeron contra as cordas a futura campioa, a Arxentina.

Os Países Baixos gañaron unha Eurocopa (1988) e Francia, dúas (1984 e 2000).

Pola súa parte, para os outros dous integrantes do grupo, Polonia e Austria, a meta non é outra que tratar de ser un dos catro mellores terceiros e coarse in extremis nos cuartos de final. Os primeiros, que continúan cun Lewandowski a piques de cumprir os 36 anos como gran referencia, apuran os últimos días de gloria do astro blaugrana, mentres que os segundos volven logo do seu bo papel na Euro 2021 sen o seu gran referente, o mancado David Alaba.

HORARIOS DO GRUPO 'D'

Polonia - Países Baixos: 16 de xuño ás 15 horas

Austria - Francia: 17 de xuño ás 21 horas

Polonia - Austria: 21 de xuño ás 18 horas

Países Baixos - Francia: 21 de xuño ás 21 horas

Austria - Países Baixos: 25 de xuño ás 18 horas

Francia - Polonia: 25 de xuño ás 18 horas